viernes, 20 de julio de 2012

A Deputación de Ourense presenta un novidoso sistema de enerxía xeotérmica e solar para o Pazo dos Deportes

Este proxecto de aproveitamento enerxético, presentado no "I Congreso das Fronteiras Europeas" que se celebra hoxe e mañá na Coruña, permite xerar calefacción con enerxía 100% renovable.

A Deputación de Ourense presenta no "I Congreso das Fronteiras Europeas", que se celebra hoxe e mañá na Coruña, un novidoso proxecto que utiliza un sistema híbrido de enerxía xeotérmica e solar destinado a calefacción, que xa se está empregando nas instalacións do maior pavillón deportivo de Ourense, o Pazo dos Deportes Paco Paz.

Precisamente o uso destas enerxías renovables está a centrar a atención na presentación dos resultados finais do "Proxecto CLIMATLÁNTIC", no que participa a Deputación de Ourense coa presentación desta iniciativa enerxética que ten como obxectivo xerar máis enerxía solar e menos CO2, e que consiste no aproveitamento da enerxía xeotérmica para producir calefacción xerada 100% con enerxías renovables. Esta iniciativa, enmarcada no proxecto europeo CLIMATLÁNTIC, no que participan entidades de España, Francia, Irlanda, Reino Unido e Portugal, permite que na actualidade o Pazo de Deportes "Paco Paz", da Deputación de Ourense, sexa 100% sostible no que atinxe ao sistema de calefacción, eliminando así as emisións de CO2 utilizando principalmente enerxía xeotérmica e solar.

No congreso estanse a analizar este e outros proxectos pioneiros en materia medioambiental, así como as novas políticas financieiras da Unión Europea para o novo período de programación. Na xuntanza preséntanse os resultados de proxecto CLIMATLÁNTIC e estudanse as liñas de cooperación da que será a futura política do "Espazo Atlántico", no que se atopa Galicia. O congreso chega nun momento decisivo, no que se están discutindo as regras de xogo tanto políticas como financieiras para o próximo período de programación.

A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, tivo unha participación destacada no proxecto CLIMATLÁNTIC coa execución deste proxecto piloto para o aproveitamento da enerxía xeotérmica, un proxecto que contou cun cofinanciamento do 65% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Aforro enerxético

O proxecto piloto consiste no aproveitamento da enerxía xeotérmica para dotar ó pavillón dunha instalación combinada de auga quente sanitaria, 100% con enerxías renovables para eliminar as emisións de CO2, sendo o 70% enerxía solar térmica e o 30% restante enerxía xeotérmica. Este sistema, pioneiro en España, basease na complementación do sistema xeotérmico cun sistema solar, para producir auga quente sanitaria que demandan as instalacións do pavillón. A aposta da Deputación pola enerxía xeotérmica permite o aproveitamento desta enerxía para a produción de auga quente sanitaria, calefacción e refrixeración, aportando importantes vantaxes comparadas cos sistemas tradicionais, como son: altos rendementos, aforro enerxético e económico, e nula incidencia visual e sonora.

Con relación os datos de aforro enerxético, no pavillón de deportes "Paco Paz" estase a reducir o 60% da potencia térmica, conseguindo con isto un aforro do 75% de combustibles (gasoil e electricidade). En relación coas emisións de CO2 -un dos obxectivos do proxecto CLIMATLANTIC-, os técnicos estiman que no ano 2012 se produza unha redución do 51% das emisións totais con respecto os anos anteriores nos que a produción de auga quente se realizaba por sistemas tradicionais (gasóleo e biomasa).

O proxecto que se presenta na Coruña forma parte dunha ampla estratexia posta en marcha pola Deputación de Ourense por acadar "un Ourense máis ecolóxico e sostible", tendo como obxectivo final, ofrecer os cidadáns servizos coa máxima excelencia medioambiental, así como conseguir aforros en custos, etc. Neste intre para conseguir esta meta, puxéronse en marcha proxectos en diferentes ámbitos como as enerxías renovables, a xestión de residuos, o saneamento ou o ciclo completo da auga.

Neste senso, a Deputación de Ourense vai poñer en marcha a "Rede ourensá de municipios cara á sostenibilidade", un proxecto que afonda na idea de eficacia e sostenibildiade e que ten como obxectivo "converter á provincia de Ourense nun exemplo de coordinación municipal en todo o que atinxe ao medio ambiente", afirma o presidente provincial, Manuel Baltar. Esta rede ourensá de municipios sostibles tería ámbito provincial e estaría constituída por concellos interesados en poñer en marcha iniciativas de desenvolvemento sostible que aporten solucións aos problemas ecolóxicos e medioambientais que afectan ao ámbito municipal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario