martes, 21 de diciembre de 2010

A Deputación de Ourense comeza as actuacións do proxecto CLIMATLANTIC a través do equipamento e instalación de enerxía xeotérmica no ¨Paco Paz¨


A semana anterior comezaron as obras para o equipamento e instalación de auga sanitaria por medio de enerxía xeotérmica no pavillón de deportes ¨Paco Paz¨, co que se busca reduci-la produción de CO2 do pavillón.

O proxecto CLIMATLANTIC foi presentado, a través do Negociado de Planificación, á segunda convocatoria de proxectos do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2007-2013, e resultou aprobado pola Unión Europea.

O obxectivo específico deste proxecto consiste na posta en común de recursos e capacidades no ámbito do desenvolvemento urbano e rural sostible no espazo atlántico para promover accións rexionais e locais para a redución da pegada de carbono e a loita fronte ó cambio climático.

A pegada de carbono (en castelán: huella de carbono) é canto dióxido de carbono (CO2) producímo-los cidadáns levando unha vida diaria normal. Unha ida e volta en coche ó traballo, prende-la luz da vivenda, un voo para ir de vacacións, todo iso usa combustibles fósiles, como carbón, petróleo e gas. Cando estes combustibles son queimados emiten gases de efecto invernadoiro, como o CO2, que contribúen ó quentamento global.

Neste proxecto, ademais da Deputación de Ourense, participan socios de entidades autonómicas, rexionais, locais de 5 países (España, Portugal, Francia, Irlanda e o Reino Unido).

O orzamento total do proxecto ascende a 2.070.887 euros, cun cofinaciamento do 65% do FEDER, que ascende a 1.346.076,55 euros.

As principais actuacións do proxecto son:

1. Constitución dun grupo de expertos para a creación dunha axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible para a redución da pegada de carbono e para facer fronte ó cambio climático.
2. Realización de proxectos piloto no ámbito da enerxía e da mobilidade para a redución dos gases efecto invernadoiro.

· Esta Administración participará no intercambio de experiencias no ámbito da mobilidade (por exemplo: condución ecolóxica, xestión sostible do parque móbil da Deputación, etc.).

· A Deputación terá un rol moito máis activo no grupo da enerxía, xa que porá en marcha un proxecto piloto, que consistirá no aproveitamento da enerxía xeotérmica e solar térmica para dotar dunha instalación combinada de produción de auga quente sanitaria ó pazo dos deportes ¨Paco Paz¨, reducindo así o consumo de combustibles fósiles (gasóleo de calefacción) e substituíndoos por enerxías renovables. Neste intre, esta actuación acaba de comezar co sondeo do campo xeotermico, seguindo a continuación, co test de resposta do terreo.

o Máis polo miúdo, preténdese a:

§ Instalación dunha planta solar térmica de alto rendemento para cubri-lo 70% da demanda enerxética da produción de auga quente sanitaria do pazo dos deportes.
§ Instalación dun campo xeotérmico e bomba xeotérmica para completa-lo 30% da demanda enerxética da auga quente sanitaria restante.
§ Adecuación da instalación á nova produción.

o A enerxía xeotérmica é unha enerxía renovable aínda moi descoñecida en España, e que ofrece unhas grandes vantaxes coma: aforro de enerxía do 50%, custos de mantemento mínimos, redución das emisións de CO2, sistema silencioso, etc., polo que con esta actuación se contribuirá a dala a coñecer entre os cidadáns (efecto demostrativo), asemade contribuirase a incrementa-lo seu emprego por parte das demais administracións públicas nos seus edificios.

3. Promoción dun Debate Atlántico con autoridades rexionais e locais, coa realización dun congreso final do proxecto en Ourense, no que se aprobará a Axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible do espazo atlántico (Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible).
4. Difusión final da Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible.

Este proxecto forma parte da estratexia posta en marcha desde o Negociado de Planificación de reorienta-los recursos europeos cara a proxectos que poidan ser unha oportunidade de futuro para a nosa provincia, como, por exemplo, todos aqueles baseados no desenvolvemento sostible. O uso de enerxías renovables pode ser unha oportunidade para a nosa provincia, como forma de fixar poboación no noso rural. Proba desta estratexia é a próxima creación por parte desta Deputación de tres Centros de Transformación de Biomasa (CTB) en diferentes comarcas da provincia, contemplados dentro dos proxectos Arraiano (Comarcas da Limia e Monterrei), Delorur (Comarcas de Valdeorras e Viana) e Terras do Avia (Comarcas do Ribeiro e O Carballiño).










miércoles, 1 de diciembre de 2010

Nova web do Negociado de Planificación da Deputación de Ourense

Puxose en marcha unha nova web para informa-los cidadáns dos proxectos levados a cabo polo Negociado de Planificación da Deputación de Ourense. Máis concretemente informa-los dos proxectos relacionados co FEDER - Eixe 5 (Proxectos Arraiano, Delorur e Terras do Avia): http://planificacion.depourense.es