viernes, 26 de marzo de 2010

A Deputación de Ourense seleccionada no Programa URBANISMO EN REDE para pór en marcha un proxecto de publicación dixital dos plans urbanísticos

Mapa da densidade poboacional de Galicia

A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación (Negociado dependente do Servizo de Investimentos, Patrimonio e Subvencións), presentouse á primeira convocatoria do programa Urbanismo en Rede resultando aprobado seu proxecto. O proxecto aprobado ten como obxecto publicar dixitalmente os plans urbanísticos dos seguintes concellos: Allariz, o Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Verín e Xinzo de Limia. Os cidadáns destes concellos poderán consulta-la información urbanística do seu concello dunha forma fácil, rápida e intuitiva a través de Internet e, por outra banda, permitirá ás administracións locais ofrecer unha información actualizada do planeamento urbanístico vixente e actualizado en cada momento.

O programa Urbanismo en Rede naceu co obxecto de publica-los plans urbanísticos municipais, a través de Internet, habilitando que os cidadáns poidan acceder a eles dunha maneira fácil e personalizada, co efecto de aumentar e potencia-la transparencia na xestión pública do sector urbanístico. Asimesmo, perséguese facilitar unha completa operatividade entre as distintas administracións e os axentes implicados, a través de servizos electrónicos que permitan a posta a disposición do planeamento urbanístico para ser utilizada polos diferentes interesados.

O proxecto ten un custe total de 280.882€ dos que a entidade pública empresarial Red.es achegará un 70%.

Proximamente, procederase a asina-lo protocolo de adhesión por parte da Deputación de Ourense, así mesmo procederase tamén á sinatura, por parte dos distintos alcaldes e alcaldesas do devandito convenio.

O programa Urbanismo en Rede foi posto en marcha pola entidade pública empresarial Red.es a partir dun convenio de colaboración subscrito polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), co obxectivo de impulsa-la introdución das novas tecnoloxías da xestión urbanística municipal.

CONCELLO
HABITANTES - SUPERFICIE (Km2)

Allariz
5.690 habitantes 86,0 Km2
Barco de Valdeorras, O
14.040 hab. 85,7 km2
Carballiño, O
13.983 hab. 54,4 km2
Celanova
6.075 hab. 67,3 km2
San Cibrao das Viñas
4.200 hab. 39,5 km2
Sandiás
1.498 hab. 52,8 km2
Verín
14.237 hab. 94,1 km2
Xinzo de Limia
10.033 hab. 132,7 km2
TOTAL
69.756,0 hab. 612,5 km2

A Deputación de Ourense apoia as empresas relacionadas coas tecnoloxías da comunicación e da imaxe a través do proxecto IMAGINAATLANTICA

Mapa do Espazo Atlántico (Fonte: Inforregio Website)



Nova do 4/03/2010.

A Deputación de Ourense participará nos vindeiros 3 anos (2010, 2011 e 2012) no proxecto IMAGINAATLANTICA (Espazo Atlántico: Territorios creativos e innovadores), cuxa prioridade é a de promove-la iniciativa empresarial transnacional e as redes de innovación.

O proxecto IMAGINAATLANTICA foi presentado a través do Negociado de Planificación á segunda convocatoria de proxectos do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2007-2013, e resultou aprobado pola Unión Europea.

O obxectivo específico deste proxecto consiste no estímulo da reconversión e a diversificación económica promovendo o potencial rexional a través dunha Axencia de Promoción das Novas Tecnoloxías da Imaxe a escala atlántica, que esta ó servizo da posta en valor do patrimonio atlántico. A misión deste ente vai ser:

• Implementar programas de intercambios profesionais (empresarios, técnicos e estudantes) en novas tecnoloxías da imaxe.
• Desenvolver e ofrecer apoio financeiro ás artes e ó sector da imaxe en xeral.

O proxecto aposta por experimentar coa posta en funcionamento dun clúster (termo inglés que se emprega nos eidos tecnolóxico e empresarial para referirse a distintos agrupamentos ou conxuntos integrados de elementos) que poña en rede a creación de traxectos turísticos e culturais, empregando os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías da imaxe. Neste senso, desde a Deputación de Ourense tratarase de xerar un valor engadido ó Camiño de Santiago co gallo da celebración do Ano Santo 2010 (Xacobeo).

Participan neste proxecto entidades autonómicas, rexionais e locais, así como centros tecnolóxicos e da imaxe, de 4 países (España, Portugal, Francia e Gran Bretaña). Este partenariado está formado por: Communauté d´Agglomération du Grand Angoulême (Francia), Eixo Atlántico (España – Portugal), Fundaçao da Juventude (Portugal), Oficina de Información Europea para a Xuventude (Xunta de Galicia), Centre for Advanced Software Technology (CAST) (Gran Bretaña).

O orzamento total do proxecto ascende a 1.633.647,96 euros, cun cofinanciamento do 65% do FEDER, que ascende a 1.061.871,17 euros.

As principais actuacións do proxecto son:

1. Creación dun ¨pool¨ de competencias e recursos atlánticos da imaxe. Esta actividade consistirá en identificar e inventaria-los polos de imaxe existentes no territorio do Arco Atlántico (empresas, entidades de formación, equipamentos públicos, asociacións e outras entidades cuxa actividade está consagrada ó dominio da imaxe).

Un cluster é unha concentración de empresas, institucións e demais axentes relacionados entre si por un mercado ou produto, nunha zona xeográfica relativamente definida, para deste xeito conformar en si mesma un polo (¨pool¨) de coñecemento especializado con vantaxes competitivas.

2. Definición e posta en marcha de programas de intercambio para xoves profesionais e expertos. Definir e pór en funcionamento programas de intercambio transnacional de bolseiros, estudantes ou xoves profesionais. Definir e pór en marcha un programa de 3 seminarios técnicos internacionais, ligados ás actividades do proxecto.

3. Posta en valor do patrimonio atlántico e as súas capacidades de expresión. Por en valor as capacidades de expresión de cada territorio para valoriza-lo patrimonio atlántico a través de: a animación de circuítos turísticos grazas ó apoio dun equipo transnacional de expertos e ó emprego das novas tecnoloxías da imaxe; a preconfiguración dunha Axencia de promoción IMAGINAATLANTICA; a produción e circulación de creadores a través da organización dun concurso internacional e a súa promoción mediante a organización dunha conferencia de carácter internacional que terá lugar en Ourense.

4. Grupo de traballo “Territorios Creativos”. Tratarase de capitaliza-lo conxunto de experiencias das actividades anteriores para elaborar unha estratexia de promoción dunha Eurorrexión Atlántica virtual das tecnoloxías da comunicación e da imaxe.

5. Promoción internacional do Cluster. Promoción do Cluster IMAGINAATLANTICA e estudo das posibilidades para a súa consolidación máis alá da duración do proxecto.

Neste marco, a Deputación de Ourense será un socio especialmente activo na preparación e execución do programa de intercambio de xoves profesionais, para o que colaborará coa Universidade de Vigo, a Cámara de Comercio e Industria e a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Ademais, será o socio encargado de organiza-la Conferencia Internacional que pechará o proxecto.

Este proxecto forma parte da estratexia posta en marcha desde o Negociado de Planificación, de reorienta-los recursos europeos cara a proxectos que poidan ser unha oportunidade de futuro para a nosa provincia, como, por exemplo, todos aqueles que teñan relación coa implantación e o desenvolvemento da innovación nas PEMEs, así como o apoio ás industrias innovadoras, neste caso relacionadas coas tecnoloxías da comunicación e da imaxe, da provincia de Ourense.

A Deputación de Ourense continua a súa aposta polas enerxias renovables a través do proxecto ¨CLIMATLANTIC¨





Nova do 9/03/2010.


A Deputación de Ourense participará nos vindeiros 3 anos (2010, 2011 e 2012) no proxecto CLIMATLANTIC, cuxa prioridade é a de promove-las sinerxías transnacionais no desenvolvemento sostible urbano e rexional a través das enerxías renovables.

O proxecto CLIMATLANTIC foi presentado a través do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos) á segunda convocatoria de proxectos do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2007-2013, resultando aprobado pola Unión Europea.

O obxectivo específico deste proxecto consiste na posta en común de recursos e capacidades no ámbito do desenvolvemento urbano e rural sostible no espazo atlántico para promover accións rexionais e locais para a redución da pegada de carbono e a loita fronte ó cambio climático.

A pegada de carbono (en castelán: huella de carbono) é canto dióxido de carbono (CO2) producimos os cidadáns levando unha vida diaria normal. Unha ida e volta en coche ó traballo, prende-la luz da vivenda, un voo para ir de vacacións, todo iso usa combustibles fósiles, como carbón, petróleo e gas. Cando estes combustibles son queimados emiten gases de efecto invernadoiro, como o CO2, que contribúen ó quentamento global.

Neste proxecto, ademais da Deputación de Ourense, participan socios de entidades autonómicas, rexionais, locais de 5 países (España, Portugal, Francia, Irlanda e o Reino Unido).
Este partenariado está formado polo Eixo Atlántico (España - Portugal), Agência Portuguesa do Ambiente (AGA - Portugal), Communauté d´Agglomération de Grand Angoulême (Francia), Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructura (Xunta de Galicia), South East Regional Authority (Irlanda), Merseytravel (Reino Unido), Quimper Communaute (Francia).


O orzamento total do proxecto ascende a 2.070.887 euros, cun cofinaciamento do 65% do FEDER que ascende a 1.346.076,55 euros.

As principais actuacións do proxecto son:

1. Constitución dun grupo de expertos para a creación dunha axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible para a redución da pegada de carbono e para facer fronte ó cambio climático.
2. Realización de proxectos piloto no ámbito da enerxía e da mobilidade para a redución dos gases efecto invernadoiro.

· Esta Administración participará no intercambio de experiencias no ámbito da mobilidade (por exemplo: condución ecolóxica, xestión sostible do parque móbil da Deputación, etc.).

· A Deputación terá un rol moito máis activo no grupo da enerxía. Xa que porá en marcha un proxecto piloto que consistirá no aproveitamento da enerxía xeotérmica e solar térmica para dotar dunha instalación combinada de produción de auga quente sanitaria ó pazo dos deportes ¨Paco Paz¨. Esta actuación completarase coa substitución da caldeira de gasoil do pazo dos deportes por unha caldeira de biomasa froito dun convenio da Deputación de Ourense co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Máis polo miúdo, preténdese a:

§ Instalación dunha planta solar térmica de alto rendemento para cubri-lo 70% da demanda enerxética da produción de auga quente sanitaria do pazo dos deportes.
§ Instalación dun campo xeotérmico e bomba xeotérmica para completa-lo 30% da demanda enerxética da auga quente sanitaria restante.
§ Adecuación da instalación á nova produción.

A enerxía xeotérmica é unha enerxía renovable aínda moi descoñecida en España, e que ofrece unhas grandes vantaxes coma: aforro de enerxía do 50%, custos de mantemento mínimos, redución das emisións de CO2, sistema silencioso, etc., polo que con esta actuación se contribuirá a dala a coñecer entre os cidadáns (efecto demostrativo), asemade contribuirase a incrementa-lo seu emprego por parte das demais administracións públicas nos seus edificios.

3. Promoción dun Debate Atlántico con autoridades rexionais e locais, coa realización dun congreso final do proxecto en Ourense, no que se aprobará a Axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible do espazo atlántico (Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible).
4. Difusión final da Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible.


Este proxecto forma parte da estratexia posta en marcha desde o Negociado de Planificación de reorienta-los recursos europeos cara a proxectos que poidan ser unha oportunidade de futuro para a nosa provincia, como, por exemplo, todos aqueles baseados no desenvolvemento sostible. O uso de enerxías renovables pode ser unha oportunidade para a nosa provincia, como forma de fixar poboación no noso rural. Proba desta estratexia é a próxima creación por parte desta Deputación de tres Centros de Transformación de Biomasa (CTB) en diferentes comarcas da provincia, contemplados dentro dos proxectos Arraiano (Comarcas da Limia e Monterrei), Delorur (Comarcas de Valdeorras e Viana) e Terras do Avia (Comarcas do Ribeiro e O Carballiño).


Proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA




Os proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA, presentados pola Deputación de Ourense, foron aprobados no ano 2008 polo Ministerio de Política Territorial, estando encadradas nas axudas do FEDER - Eixe 5, Desenvolvemento Local e Urbano, dentro do Programa Operativo Rexional de Galicia. Cada un destes proxectos está dividido en cinco áreas de actuación que son:

a.1) Fomento da sociedade da información e novas tecnoloxías.
a.2) Promoción económica: creación de emprego e oportunidades económicas a través da diversificación produtiva e a mellora das infraestruturas e servizos locais.
a.3) Mellora do contorno natural e a calidade medioambiental.
a.4) Mellora da accesibilidade e mobilidade.
a.5) Protección e preservación do patrimonio cultural.


Os proxectos están cofinanciados ó 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER – Eixe 5) sendo xestionados polo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos (negociado dependente do Servizo de Investimentos, Patrimonio e Subvencións).


PRINCIPAIS ACTUACIÓNS CONTEMPLADAS DENTRO DOS PROXECTOS.

a.1) Fomento da sociedade da información e novas tecnoloxías.

Creación e posta en marcha dunha rede Wi-Max para as comarcas das áreas de actuación que permitan o acceso a servizos telemáticos de banda ancha da maioría da poboación e contribuír así a darlles servizo ás pequenas e medianas empresas destas zonas.

Estado da actuación: actuación en marcha.

a.2) Promoción económica: creación de emprego e oportunidades económicas a través da diversificación produtiva e a mellora das infraestruturas e servizos locais.
Convocatoria de subvencións destinadas á adecuación, mellora, rehabilitación ou primeira instalación de pequenos comercios locais e talleres artesanais nas vilas das áreas de actuación (Verín, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, A Rúa , Viana do Bolo, O Carballiño e Ribadavia).

Estado da actuación: realizada a primeira convocatoria de axudas.

a.3) Mellora do contorno natural e a calidade medioambiental.
Creación de tres Centros de Transformación da Biomasa (CTB) para a súa acumulación, clasificado, triturado e secado, así como dotación de material para realiza-los traballos de limpeza e xestión da biomasa das vías na zona de dominio público dos municipios obxecto do proxecto (un CTB por proxecto).

Estado da actuación: actuación en marcha.

Instalación de seis depuradoras nodrizas compactas de augas residuais onde tratar periodicamente os lodos procedentes das fosas sépticas situadas en pequenos núcleos rurais de menos de 100 habitantes dos concellos das comarcas (dúas depuradoras por proxecto).

Estado da actuación: actuación en marcha.

Construción dunha Planta de Valorización de Residuos da Construción e Demolición, e depósito de refugallos para a comarca da Limia, para completa-lo mapa deste tipo de infraestruturas na provincia de Ourense (actuación só contemplada no Proxecto ARRAIANO).

Estado da actuación: actuación en marcha.

a.4) Mellora da accesibilidade e mobilidade.

Axudas á mellora do espazo público, medio ambiente e paisaxe urbana, baseándose no Plan Especial de Actuación para a Accesibilidade co que contan Verín, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Viana do Bolo, O Carballiño e Ribadavia, dos núcleos urbanos obxecto do proxecto a través de actuacións para a peonalización, pavimentación, renovación de mobiliario urbano, supresión de barreiras arquitectónicas e instalación de illas soterradas para a recollida selectiva dos residuos sólidos urbanos.

Estado da actuación: primeira convocatoria xa realizada, prevense dúas novas convocatorias.

a.5) Protección e preservación do patrimonio cultural.

· Rendente da reformulación.


Área de actuación do proxecto ARRAIANO: Comarca da Limia: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia. Comarca de Monterrei-Verín: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.

Área de actuación do proxecto TERRAS DO AVIA: Comarca do Carballiño: San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Piñor e Punxín. Comarca do Ribeiro: A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia. Área de actuación do proxecto

Área de actuación do proxecto DELORUR: Comarca de Valdeorras: O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Comarca de Viana: A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.


A Deputación de Ourense realizará durante o mes de xuño en Bruxelas unha xornada de promoción da lousa de Valdeorras

Nova do 9/03/2010.

A xornada que se desenvolverá na sede da Fundación Galicia Europa estará enfocada a dar a coñece-las posibilidades da lousa na nova arquitectura sostible ante o colectivo de arquitectos, construtores e decoradores da cidade belga, así como ante os lobbys europeos da construción que se asentan nesta cidade.

O vicepresidente 2º, Moises Blanco, aproveitou a súa estadía en Bruxelas co gallo da sinatura dos estatutos da rede Partenalia, rede de entidades intermedias europeas, para manter unha entrevista con persoal da Fundación Galicia Europa para levar a cabo esta iniciativa. Esta entrevista é continuación da mantida hai meses co director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, na que o director xeral se compremeteu a dar todo o seu apoio a esta xornada de divulgación da lousa.

A Deputación de Ourense, como socio da Fundación Galicia Europa, desenvolverá durante o mes de xuño unha xornada en Bruxelas, que terá como obxectivo promove-la lousa desde o punto de vista da arquitectura sostible e os materiais enerxeticamente eficientes, un sector en alza en Europa. A arquitectura sostible é o modo de concibi-lo deseño arquitectónico de maneira sustentable, buscando aproveita-los recursos naturais de tal modo que minimicen o impacto ambiental dos edificios sobre o medio ambiente e os seus habitantes. Esta xornada tamén servirá para a promoción da lousa ourensá ante os produtos alternativos de menor custo e peor calidade. Para a promoción dun dos sectores máis importantes da nosa provincia, a Deputación apoiara a Asociación Galega de Pizarristas (AGP) con sede en Sobradelo de Valdeorras, asociación que aglutina a totalidade dos empresarios do sector.

Logo da xornada de promoción da lousa, esta previsto que os representantes da Asociación Galega de Pizarristas (AGP) manteñan contactos con colectivos asentados na capital europea relacionados co sector da construción, así como con europarlamentarios galegos para que coñezan a situación actual do sector.

É preciso lembrar que Ourense é lider mundial no sector louseiro grazas á calidade e dispoñibilidade da súa lousa.

Sinatura por parte da Deputación de Ourense dos Estatutos da rede Partenalia no Comité das Rexións en Bruxelas

Mapa dos socios da rede Partenalia (Fonte: http://www.partenalia.eu/)

Nova do 5 de marzo de 2010.

O 5 de marzo de 2010 a rede Partenalia coa sinatura dos estatutos que a constitúen como Asociación Internacional con personalidade xurídica, culmina o seu proceso de actualización para facer fronte os novos retos das súas administracións

A rede Partenalia, única rede que aglutina a Autoridades Locais Intermedias de Europa, constituíuse o 5 de marzo de 2010 en Asociación internacional con personalidade xurídica propia co acto de sinatura no Comité das Rexións por parte dos diferentes representantes dos 23 socios de 6 países (España, Francia, Italia, Bélxica, Países Baixos). Tódolos socios son administracións intermedias con ámbitos e competencias semellantes ás provincias españolas. Proba da influencia que pode ter esta rede na Unión Europea a nivel local son a participación de socios como a Deputación de Barcelona, Provincia de Roma (Italia), Provincia de Turín (Italia), Provincia de Bruxelas Capital (Bélxica), etc.

Logo da sinatura, o representante da Deputación de Ourense, o vicepresidente 2º, Moisés Blanco, fixo no seu discurso mención ós novos retos que teñen que asumir as administracións intermedias asi como mostrou satisfacción pola posta en marcha de iniciativas de gran visibilidade para nas nosas administracions desde os grupos da red Partenalia. Xa que desde esta rede é importante demostrar á Unión Europea que as administracions intermedias poden desempeñar un importante rol nos obxectivos marcados pola Unión, apoiando iniciativas cuxo obxectivo final sexa crear unha economía dinámica basada no coñecemento, cun crecemento económico sostible e unha maior cohesión social

O evento contou coa participación de destacados poñentes das institucións europeas (Parlamento Europeo, Comité das Rexións, etc.) e administracións locais intermedias que intercambiaron ideas cos asistentes sobre o papel destas ultimas no futuro da unión Europea.

A rede Partenalia representa os intereses das Autoridades Locais Intermedias a nivel europeo e ofrece un marco privilexiado para promove-la innovación e o intercambio de experiencias a nivel internacional e o desenvolvemento de proxectos comúns en Europa. Proba desto ultimo e a posta en marcha por parte da rede da realización dunha guía para coñecer iniciativas innovadoras en diferentes países europeos para transferilas experiencias ás diferentes provincias por parte dos socios a través de proxectos futuros da rede que teñen como fin a realización de iniciativas para promove-la innovación nas PEMES e na Administración.

A Deputación de Ourense pon en marcha un estudo técnico dos seus fondos documentais para a súa dixitalización e posterior posta en valor

Nova do 4 de febreiro de 2010.

A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos) puxo en marcha este mercores un proxecto de dixitalización dos arquivos da Deputación.

A necesidade da dixitalización e posta en valor dos importantes fondos documentais e bibliográficos, así como doutro tipo, atesourados pola Deputación de Ourense, fai que sexa imprescindible a realización dun estudo técnico previo dos seus fondos documentais para a súa posterior dixitalización e posta en valor, pondo unha especial atención na salvagarda daqueles documentos que pola súa especificidade poidan irremediablemente perderse para sempre se non se procede á súa salvagarda.

Neste proxecto realizaranse as seguintes tarefas.

I. Estudo das necesidades de xestión documental da Deputación de Ourense.
II. Estudo e proposta da solución técnica máis axeitada.
III. Elaboración de memoria técnica e resumo executivo.

A contratación deste servizo foi adxudicada á empresa Tecnocom, SA, empresa que ten experiencia na realización destes estudos.

O estudo técnico é un paso previo imprescindible e necesario para acomete-la creación dun Centro de Coñecemento para a explotación do patrimonio documental e bibliográfico conservado nos diferentes departamentos ou seccións da Deputación (Biblioteca da Deputación, Arquivo Provincial, Escola de Danza, Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo “Xocas”, Publicacións, etc.) para a posterior presentación ó programa ¨AVANZA CONTENIDOS¨, e así obter financiamento por parte do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. A través deste Centro de Coñecemento os cidadáns terán acceso ós importantes fondos da Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense da os primeiros pasos para a implantación dunha rede de banda ancha no rural ourensán


Nova do 21/10/2009.


A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos (negociado dependente do Servizo de Investimentos, Patrimonio e Subvencións), está desenvolvendo nestes intres actuacións de implantación de banda ancha no rural ourensán. Durante estes últimos días procedeuse á convocatoria mediante procedemento aberto do expediente para contratación de obra pública consistente unha aplicación e explotación dunha rede de banda ancha no ámbito dos proxectos ARRAIANO, TERRAS DO AVIA e DELORUR, proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Unha vez finalizado o prazo de presentación de ofertas, presentouse unicamente unha empresa, Iberbanda, unha empresa con experiencia en dotar de conectividade a través de tecnoloxía Wimax a zonas onde non existen outras infraestruturas de banda ancha. Neste intre a oferta técnica atopase en fase de exame nos servizos técnicos da Deputación co fin de validar á adecuación das mesmas ás bases da convocatoria.

A Deputación de Ourense pon en marcha actuacións de mellora na estrada que une Pobra de Trives e Chandrexa de Queixa a través do Proxecto ¨VIARRAIA¨


A Deputación de Ourense está desenvolvendo actuacións de mellora de infraestruturas na fronteira e no interior da provincia dentro do proxecto VIARRAIA, concretamente a través da adxudicación das obras da estrada OU-0703 que vai de Poboa de Trives a Chandrexa de Queixa por un importe de total de 1.038.720 euros (IVE e demais tributos incluídos), obra que supón entre outras, unha melloría ós accesos á estación invernal de Cabeza de Manzaneda para tódolos visitantes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O proxecto VIARRAIA foi presentado e aprobado na primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España - Portugal (POCTEP) 2007-2013, sendo presentado conxuntamente coas Cámaras Municipais de Chaves e Montealegre. Comprende, ademais das obras anteriormente reseñadas, actuacións de mellora nas estradas entre os municipios portugueses e os concellos de Oímbra (estrada Oímbra -Videferre - Soutelinho da Raia) e Verín (construcción dunha ponte sobre o río Pequeno (Feces de Cima)).

O proxecto VIARRAIA ten un importe de 2 millóns de euros cofinanciados nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Con estas actuacións preténdese a permeabilidade do espazo fronteirizo, facilitando desta maneira a circulación de persoas e bens entre ambos lados da fronteira.

A Comisión Europea adopta o Sexto Informe de Situación sobre a Cohesión Económica e Social

Politica de cohesión 2007-2010 (Fonte: Inforregio Website)


«Rexións creativas e innovadoras» é o lema escollido polo Sexto Informe de Situación sobre a Cohesión Económica e Social adoptado o 25 de xuño de 2009 pola Comisión Europea (Nova de xuño de 2009).

Neste informe analizase cómo a creatividade e a innovación contribúen a mellorar o desenvolvemento rexional na UE. Na actualidade son as rexións máis desenvoltas da UE as que tenden a obter uns mellores resultados na maioría dos indicadores de creatividade e innovación, como ¨crase creativa¨, I+D e intensidade en capital humano. Non obstante, as rexións menos desenvoltas destacan superando o resto da UE nalgúns indicadores, como no crecemento da productividade, que é o principal motor da incesante converxencia rexional.

O informe inclúe un breve resumo das 391 respostas das distintas administracións e diferentes asociacións europeas (case 100 autoridades rexionais, así como máis de 150 asociacións rexionais e locais) aportadas ó Libro Verde sobre a Cohesión, entre as que se atopa a da Deputación de Ourense, única deputación de Galicia, e unhas das poucas de España, que enviou as súas aportacións. Este resume inclúe 11 fichas descritivas nos que se describen os principais indicadores de creatividade e innovación. O sexto informe constitúe unha das pezas fundamentais do debate global sobre o futuro da política de cohesión, e as súas conclusións alimentaran o Quinto Informe de Cohesión sobre Cohesión Económica e Social, publicación que estará prevista para o outono do 2010. Outros moitos eventos e debates axudaran a esbozar a proposta de reforma da política de cohesión que a Comisión presentara a raíz da revisión do orzamento da UE.

A Deputación de Ourense participou no debate sobre o futuro da cohesión territorial en Europa organizado pola rede Partenalia e a Provincia de Turín

Mapa das áreas ameazadas pola despoboación en Galicia

A Deputación de Ourense participou no debate sobre o futuro da cohesión territorial en Europa organizado pola rede Partenalia e a Provincia de Turín (Nova do 8 de abril de 2009).

A Deputación de Ourense representada polo seu vicepresidente segundo, Moises Blanco, participou o pasado 8 de abril en Turín no seminario ¨As Autoridades Intermedias e a Cohesión Territorial Europea¨. Neste seminario tentouse afondar no importante papel das administracións locais intermedias nos debates sobre a futura política de cohesión europea.

A intervención do vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, estivo baseada no informe enviado pola Deputación de Ourense á Comisión Europea, en resposta da consulta pública sobre cohesión territorial, mais comunmente coñecida como o Libro Verde sobre a Cohesión Territorial. O Libro Verde lanza un debate sobre a cohesión territorial coa idea de afondar na compresión tanto do concepto en si mesmo como das súas implicacións políticas e en materia de cooperación e coordinación. Nesta consulta interesan particularmente as contribucións que poden achega-las partes interesadas nos ministerios dos respectivos gobernos nacionais, así como as autoridades locais e rexionais, institucións da UE, interlocutores económicos e sociais, organizacións da sociedade civil, membros do mundo académico e cidadáns.

Os primeiros debates acerca da cohesión territorial levados a cabo a principios dos años 90 demostraron ser moi proveitosos. Serviron para subliña-la importancia da cooperación territorial e das tendencias territoriais, o cal levou á adopción dos programas de cooperación (INTERREG) e o establecemento do Observatorio en rede da ordenación e a cohesión do territorio europeo (ESPON).

O obxectivo principal deste debate é lograr un mellor e común coñecemento do que se entende por cohesión territorial e das súas implicacións políticas. Nos meses seguintes á finalización do debate en febreiro de 2009 publicarase un resumo desta consulta.

No caso da resposta da Deputación de Ourense a esta consulta, faise fincapé á provincia de Ourense como un caso moi representativo dos problemas que afronta a cohesión territorial en toda a Unión Europea. De feito, esta provincia ten problemas específicos con respecto a Galicia e a España, como o seu alto nivel de envellecemento, a súa alta dispersión poboacional, etc., así como o desequilibrio existente nesta comunidade entre a Galicia costeira (provincias atlánticas) e a Galicia interior, problemas que esperemos que teñan unha atención especifica dentro da futura cohesión territorial europea.

Por parte dos membros da Comisión Europea presentes no seminario, e moi especialmente por parte do Vicepresidente da Comisión de Comisión de Política de Cohesión Territorial (COTER) do Comité das Rexións, o checo Petr Osvald, mostrouse un especial interese pola realidade da provincia de Ourense, e fíxose fincapé na necesidade de ter en conta datos estatísticos mais cercanos a realizade provincial (NUTS III).

Neste seminario non se pudo pasar por alto a actual situación de crise mundial, o que motivou un debate no que o vicepresidente segundo, Moises Blanco, fixo na súa intervención mención os grandes problemas que estaba atravesando a economía da provincia de Ourense, é moi especialmente, o sector pizarreiro.

Para máis información sobre a contribución da Deputación de Ourense á consulta sobre Cohesión Territorial: http://ec.europa.eu/regional_policy/consultation/terco/consultation_es.htm

A Deputación de Ourense participou no debate sobre o futuro da cohesión territorial en Europa

Mapa por provincias do PIB per capita do ano 2004.

A Comisión Europea invitou, a través dunha consulta aberta a tódolos cidadáns e organizacións, a participar no debate sobre a cohesión territorial en Europa. Nesta consulta participou a Deputación de Ourense enviando as súas propostas á Comisión Europea (Nova de febreiro de 2009).

Nas conclusións da reunión informal realizada o mes de maio de 2007 en Leipzig polos ministros da UE responsables da ordenación territorial e o desenvolvemento rexional, invitábase á Comisión Europea a «preparar un informe sobre cohesión territorial para 2008». Esta consulta é coñecida como o Libro Verde sobre a Cohesión Territorial. O Libro Verde lanza, polo tanto, un debate sobre a cohesión territorial coa idea de afondar na compresión tanto do concepto en si mesmo como das súas implicacións políticas e en materia de cooperación e coordinación. Nesta consulta interesan particularmente as contribucións que poden achega-las partes interesadas nos ministerios dos respectivos gobernos nacionais, así como as autoridades locais e rexionais, institucións da UE, interlocutores económicos e sociais, organizacións da sociedade civil, membros do mundo académico e cidadáns.

Os primeiros debates acerca da cohesión territorial levados a cabo a principios dos años 90 demostraron ser moi proveitosos. Serviron para subliña-la importancia da cooperación territorial e das tendencias territoriais, o cal levou á adopción dos programas de cooperación (INTERREG) e o establecemento do Observatorio en rede da ordeación e a cohesión do territorio europeo (ESPON).

O obxectivo principal deste debate é lograr un mellor e común coñecemento do que se entende por cohesión territorial e das súas implicacións políticas. Nos meses seguintes á finalización do debate en febreiro de 2009 publicarase un resumo desta consulta.


No caso da resposta da Deputación de Ourense a esta consulta, faise fincapé á provincia de Ourense como un caso moi representativo dos problemas que afronta a cohesión territorial en toda a Unión Europea. De feito, esta provincia ten problemas específicos con respecto a Galicia e a España, como o seu alto nivel de envellecemento, a súa alta dispersión poboacional, etc. , problemas que esperemos que teñan unha atención especifica dentro da futura cohesión territorial europea.

É por iso que a Deputación de Ourense espera que as achegas e opinións realizadas a través do cuestionario sirvan para que as súas propostas e desafíos sexan tidos en conta, e que se vexan reflectidas nas importantes decisións que as institucións europeas deberán adoptar en breve para o futuro da integración europea de tódolos territorios de Europa.