sábado, 16 de abril de 2011

A Deputación de Ourense participará en Bruxelas na Semana Europea das Rexións e das Cidades

A Deputación de Ourense formará parte das 206 rexións, provincias e cidades de 27 Estados membros e de 8 terceiros países que participarán na Semana Europea das Rexións e Cidades de Europa - OPEN DAYS 2011, que terá lugar entre o 10 e o 13 de outubro de 2011.


Desde 2003, o Comité das Rexións celebra cada ano a principios de outubro, e en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, unha semana dedicada ás rexións e cidades de Europa. Os actos principais teñen lugar en Bruxelas, se ben dáselles cada vez máis importancia aos chamados “eventos locais”, actos organizados durante o outono en cada unha das rexións participantes. A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, coorganizou conxuntamente cun consorcio de 10 rexións que representan a 9 Estados membros diferentes (Italia, Polonia, Portugal, Estonia, Letonia, Malta, España, Romanía, Eslovaquia) e a un terceiro país (Serbia), o seminario ¨Europa das Tradicións¨, que versará o sobre a herdanza cultural e histórica e o desenvolvemento económico sostible a nivel rexional e local; así mesmo procederase ó intercambio de boas practicas de proxectos de cohesión territorial, así como á posta en valor do patrimonio cultural nas provincias e rexións europeas. Cada un dos socios do consorcio presentará un proxecto na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas. A Deputación de Ourense presentará, entre outros proxectos, o Proxecto ARRAIANO. Este proxecto, desenvolvido nas comarcas da Limia e Monterrei, está cofinanciado nun 70% a través de axuda do FEDER, no Eixo 5 de Desenvolvemento Local e Urbano, durante o período 2007-2013, e a través del leváronse a cabo actuacións relacionados cos ámbitos de fomento da sociedade da información e novas tecnoloxías, promoción económica: creación de emprego e oportunidades económicas a través da diversificación produtiva e a mellora das infraestruturas e servizos locais, mellora do contorno natural e a calidade medioambiental, mellora da accesibilidade e mobilidade, así como protección e preservación do patrimonio cultural. Nestes eventos destacarase a importancia das políticas de cooperación territorial, que teñen un papel fundamental no proceso de construción europeo, e dadas as circunstancias socioeconómicas dos nosos días, esta cooperación é cada vez máis necesaria. Estas políticas adáptanse ós desafíos actuais da Unión Europea como por exemplo: o cambio climático, o envellecemento da poboación ou a mellora da competitividade. Cada rexión participante deberá organizar, polo menos, un acto descentralizado na súa rexión durante os meses de setembro a novembro, que deben enmarcarse nalgúns dos temas de Open Days baixo o lema “Europa na miña rexión/provincia”, polo que a Deputación de Ourense organizará un seminario sobre o futuro do desenvolvemento rural ou local en Europa nestas datas.


Rexións e provincias que forman o consorcio ¨Europa das Tradicións¨ Rexión do Veneto (Italia), Rexión de Opolskie (Polonia), Cámara Municipal de Guimaraes (Portugal), Estonia, Letonia, Malta, Deputación de Ourense (España), Provincia de Ialomiţa (Romania), Trenčin Region (Eslovaquia), Rexión do Piamonte (Italia), Distrito de Sumadija (Serbia).