miércoles, 30 de marzo de 2011

A información urbanística dos concellos de Allariz, Sandiás, Celanova e Verín dispoñible na web da Deputación Provincial de Ourense

O proxecto, presentado polo Negociado de Planificación, iniciouse no segundo trimestre do 2010 e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O Ministerio de Industria, a través de red.es, achega o 70% e o 30% restante a Deputación Provincial de Ourense.A información pódese consultar xa na web da Deputación Provincial www.depourense.es e nas web municipais. Os contidos básicos homoxeneizados incorporaranse ó Sistema de Información Urbana do Ministerio de Fomento.


Ourense, 29 de marzo de 2011. Os concellos de Allariz, Sandiás, Celanova e Verín ofrecen xa a información urbanística sistematizada a través da web da Deputación Provincial de Ourense e das web municipais. Este proxecto é consecuencia da adhesión da Deputación Provincial de Ourense, mediante a Primeira Convocatoria Pública, ó Programa Urbanismo en Rede, iniciativa que parte do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es e do Ministerio de Fomento. Os ourensáns, e usuarios en xeral, poderán consulta-lo planeamento urbanístico de forma inmediata e personalizada, o que supón un paso máis no impulso á Administración sen papeis. Os traballos consistiron na vectorización e sistematización do planeamento urbanístico, posto a disposición por parte dos concellos de Allariz, Sandiás, Celanova e Verín, a posta en marcha do equipamento e as aplicacións informáticas que dan soporte á explotación e visualización da información, e a formación dos técnicos municipais de cara á validación dos datos sistematizados e o mantemento posterior do sistema.

Nas próximas semanas porase a disposición do público a información urbanística dos concellos do Carballiño, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e San Cibrao das Viñas. Con este novo desenvolvemento, os veciños poderán acceder ós datos do planeamento que necesiten, polo momento de carácter informativo, mediante dúas vías: facendo clic directamente sobre o mapa na zona que desexen, ou introducindo referencias concretas ó planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou o nome da zona para consultar. A publicación do planeamento en Internet é froito do proxecto que comezou no segundo trimestre de 2010. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, achegou o 70% do investimento, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o 30% restante a Deputación Provincial de Ourense. O Programa Urbanismo en Rede aposta pola incorporación das novas tecnoloxías no ámbito urbanístico municipal e conta con un triplo obxectivo: dar resposta a unha demanda social de transparencia, mediante a publicación por Internet dos plans urbanísticos, fomenta-la interoperabilidade entre administracións a través de servizos Web e mellora-la eficiencia na xestión, introducindo ferramentas que faciliten a operativa dos técnicos municipais. O planeamento integrarase, de forma telemática, periódica e estandarizada no Sistema de Información Urbana (SIU) do Ministerio de Fomento. O SIU é unha ferramenta dixital en forma de portal web libre e gratuíto, concibida fundamentalmente para incorporar transparencia no mercado inmobiliario.

Sobre o Programa Urbanismo en Rede

Urbanismo en Rede (http://www.urbanismoenred.es/) naceu en 2007, promovido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Dada a complexidade inherente ó lanzamento do programa, acometeuse unha fase previa de análises, definición, normalización urbanística e posta en valor e verificación en varios proxectos piloto con entidades locais. O éxito desta etapa conduciu a acomete-la extensión do programa ó maior número posible de entidades locais, baixo un Convenio Marco de Colaboración entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es e o Ministerio de Fomento.

Urbanismo en Rede (2009-2012) está cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e contempla un investimento máximo de 57 millóns de euros, dos que red.es achegará o 70%. O resto será achegado polas entidades locais e/ou comunidades autónomas que se sumen ó programa. Ademais, Urbanismo en Rede servirá como panca para a incorporación de empresas do sector urbanístico (arquitectos, promotoras, construtoras, etc…) á Sociedade da Información.

Sobre o SIU

O Sistema de Información Urbana do Ministerio de Fomento é unha ferramenta web a través da cal os cidadáns teñen acceso á información básica dispoñible sobre o planeamento urbanístico, a ocupación e usos do solo e as áreas de desenvolvemento, o que, ademais de permitir un coñecemento de como se están desenvolvendo municipios similares, facilita a participación cidadá na toma e control de decisións sobre solo e urbanismo. O SIU cumpre un mandato da Lei do solo, que obriga a poñer a disposición dos cidadáns, por medios telemáticos, tanto o texto en vigor dos plans urbanísticos como o anuncio do sometemento a información pública e outros trámites relevantes para a súa aprobación ou alteración.


Sobre o FEDER

Este proxecto lévase a cabo grazas ó cofinanciamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellora-la cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais. Neste senso, as actuacións levadas a cabo por red.es céntranse en fomenta-lo desenvolvemento do contorno produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e da sociedade da información. Red.es é organismo intermedio nos programas operativos: Programa Operativo Economía Baseada no Coñecemento (POEC), Fondo Tecnolóxico, e distintos programas operativos rexionais.

A Deputación de Ourense porá en marcha a creación dun Centro de Formación Turístico-Termal e de Investigación do Auga en Verín


A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, presentou o Proxecto EURO-REXIÓN TERMAL E DO AUGA, á segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2007-2013, e resultou aprobado segundo a notificación recibida. O proxecto conta cun orzamento total de 1.340.192,41€, cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A Deputación de Ourense, como xefe de fila do proxecto, aposta pola creación dun Centro de Formación e Investigación Turístico – Termal para o desenvolvemento da formación de calidade, a investigación e a promoción dun destino transfronteirizo termal Galicia-Norte de Portugal, tratando desta maneira de converter a Verín nun polo de referencia da oferta termal de alta calidade de Europa. Este centro contará con dúas sedes, na primeira situarase a Escola Hoteleira Termal, que se construirá en Cabreiroá (Verín), mentres que na segunda, en Chaves, situarase un balneario-escola e un laboratorio de investigacións termais e da auga. No proxecto, ademais da Deputación de Ourense, participa a Secretaría Xeral para o Turismo (Xunta de Galicia) e o Concello de Verín. Pola parte portuguesa, participan o Concello de Chaves, Turismo de Porto e Norte de Portugal, a Sociedade Portuguesa de Hidroloxía Médica e a Asociación de Termas de Portugal. O Proxecto Euro-rexión Termal e da Auga complementará o anterior Proxecto Eurocidade (aprobado na primeira convocatoria do POCTEP e actualmente en execución) xa que o sector termal se identifica como un dos recursos endóxenos comúns con máis potencial para impulsa-lo crecemento económico deste espazo transfronteirizo, que conta cunha das maiores densidades de auga mineromedicinal de Europa. Os resultados que se conseguirán coa posta en marcha das diversas actuacións do proxecto son: § Converte-lo espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal nun referente do termalismo do sur de Europa, dándoo a coñecer internacionalmente. § Formación de man de obra operacional altamente cualificada mediante formación especializada tanto no sector termal (investigación, terapéutico e ocio) como no sector hoteleiro. § Mellora da oferta académica de calidade na Eurorrexión, coa incorporación de novos contidos formativos, e a adaptación dos existentes ás necesidades reais do sector. § Desenvolvemento dun ámbito de investigación ata o de agora inexistente nun sector cun futuro socioeconómico baseado no aproveitamento dos recursos naturais dispoñibles, e a difusión dos resultados obtidos. § Creación de postos de traballo directos e a creación de emprego indirecto e de desenvolvemento económico polo seu efecto multiplicador. § Dinamización e promoción da zona turística Galicia-Norte de Portugal tanto a nivel interno como externo.

martes, 15 de marzo de 2011

A Deputación de Ourense promocionará os recursos endóxenos con selo de excelencia da provincia

A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, presentou conxuntamente co Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular (xefe de fila do proxecto), o Concello do Barco de Valdeorras, o Concello de Sarria e a Câmara Municipal de Barcelos, o proxecto EIXO INTERIOR á segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2007-2013, resultando aprobado segundo a notificación recibida. O proxecto conta cun orzamento total de 1.383.503,69€, cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto pon en marcha unha estratexia de desenrolo común baseada nas áreas de productos tradicionais, mercados e artesanía, e antiguidades e restauración, coa creación de estructuras permanentes de cooperación, incentivando a presencia de empresas implicadas en promocionar de xeito conxunto os seus productos. A candidatura quedará resolta no segundo semestre do ano. No caso concreto do Barco, poráse en marcha un Centro Promocional de Productos Tradicionais da Eurorrexión, que terá como misión fundamental a promoción e difusión de todo tipo de productos tradicionais, cunha importante labor de márketing dos productos de excelencia. A Deputación de Ourense participa neste proxecto mediante a realización dun futuro inventario de productos tradicionais con selo de excelencia na provincia. O remate do inventario, realizará unha publicación do mesmo, procedéndose á promoción dos productos recollidos no mesmo na feira gastronómica Xantar. A Deputación de Ourense participara tamén na distintas accións de promoción e publicidade do proxecto. Como complemento do proxecto , tódolos socios traballarán tamén sobre o impulso á actividade empresarial. Para iso, definirán conxuntamente distintas canles de comercialización nas áreas de: • Produtos tradicionais • Artesanía • Antigüidades • Definición de liñas de distribución de produtos de excelencia Obxectivo: Acadar unha maior cohesión territorial na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, facilitando e impulsando o desenvolvemento do sistema urbano do interior de Galicia e do norte de Portugal a través da creación de polos de competitividade baseados nos recursos endóxenos desta area. Accións: Deseñarase e porase en marcha unha estratexia de desenvolvemento do interior da Eurorrexión, baseada nas areas de productos tradicionais, mercados e artesanía e antigüidades. Para a xestión de cada area crearase un Centro Coordinador. Resultados : Conquerir unha maior vertebración territorial, establecer estructuras permanentes de cooperación, implicar ás empresas para promocionar conxuntamente os seus productos, creando canles de comercialización adecuados e incrementando a súa competitividade.