martes, 20 de marzo de 2012

Entrou en servizo o Centro de Transformación de Biomasa de Trasmiras (Proxecto ARRAIANO).

O centro ubicado no concello de Trasmiras é o último dos tres Centros de Transformación de Biomasa postos en marcha a través dos proxectos Arraiano, Delorur e Terras do Avia. Con este centro xa son tres os centros en funcionamento, os restantes, son os correspondentes ós proxectos Terras do Avia (situado no Concello de Arnoia) e o proxecto Delorur (situado no concello da Gudiña).


O pasado fin de semán entrou en funcionamento o Centro de Transformación de Biomasa de Trasmiras, centro pioneiro en Galicia polas súas avanzadas características do procesado e tratamento da materia prima procedente da xestión forestal dos montes. A planta de biomasa de Trasmiras, coma que só existen dúas máis na Península Ibérica, unha delas en Portugal, conta cunha superficie de almacenaxe, báscula de pesaxe, oficinas, rede contra incendios, pala cargadora e criba, todo elo nunha nave industrial de 1.500 m2, e ten como característica singular o feito de estar dotada da última tecnoloxía para a produción de estelas de diferentes calidades, produtos finais que van dirixidos á industria e ao uso doméstico.O funcionamento das plantas de transformación de biomasa consiste en centros de recollida e almacenamento de materia prima forestal para o seu tratamento e transformación en estelado, coas cualidades necesarias para o seu posterior uso en instalacións de xeración de enerxía térmica ou eléctrica.


O proxecto do Centro de Transformación de Biomasa de Trasmiras encaixase dentro do proxecto Arraiano, proxecto cun ámbito xeográfico que engloba a dúas comarcas, A Limia e Monterrei, estando cofinanciado ó 70% polo FEDER e o 30% restante pola Deputación de Ourense.


Lembrar que Deputación de Ourense adxudicou no ano 2010 á UTE Forestación de Galicia, S.A. e Forestación y Repoblación, S.A, a contratación da concesión de obra pública consistente no deseño, construción e explotación de tres centros de transformación de biomasa (CTB) no marco dos Proxectos “Terras do Avia”, “Delorur” e “Arraiano”, cofinanciados mediante axudas FEDER para o período 2007/2013, cunha achega máxima da Deputación para a execución material das obras de 1.933.920 euros, para un investimento total de 4.067.262,67 euros, no que o resto é aportado pola UTE Forestación de Galicia, S.A. e Forestación y Repoblación, S.A.


Os tres centros terán a capacidade de procesar, no seu conxunto, 100.000 toneladas anuais de biomasa referidas á tonelaxe anual de entrada, sendo os seus labores a captación de biomasa complementaria á xerada nas vías da Deputación de Ourense; a pesada dos vehículos de transporte de biomasa e a súa carga e descarga; a trituración e estelado; a almacenaxe ata a expedición e venda da biomasa e a comercialización da biomasa procedente das vías da Deputación de Ourense, así como a de calquera outra procedencia, anterior á súa transformación nos CTB. Os ingresos do concesionario polo desenvolvemento da actividade son os que se deriven da venda no mercado da biomasa procesada no CTB e outros subprodutos que resulten da actividade.

sábado, 3 de marzo de 2012

A Deputación de Ourense convoca bolsas de formación para profesionais da animación e banda deseñada

A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, ven de convocar dez bolsas destinadas a profesionais da animación e a banda deseñada para unha estadía formativa de curta duración (4 días) na cidade francesa de Angoulême.



As estadías incluirán visitas á Cité Internationale de la Bande Dessinée et de l'Image, onde están, entre outros, os prestixiosos “Maison des Auteurs”, “Musée de la Bande Dessinée” e o “Pôle Image Magelis”, e tamén serivirá para tomar contacto con diversos colectivos de autores franceses.A actividade está incluída no Programa Imagina Atlántica, proxecto cofinanciado polo FEDER, no que participa a Deputación de Ourense, e que abrangue a catro países europeos: España, Portugal, Francia e Gran Bretaña.


As persoas interesadas en participar na convocatoria das bolsas teñen de prazo para presentar as súas peticións ata o 16 de marzo. Para ampliar información os interesados poden consultar o Boletín Oficial da Provincia de Ourense nº 51, 2/3/2012, páxina 2.