martes, 21 de diciembre de 2010

A Deputación de Ourense comeza as actuacións do proxecto CLIMATLANTIC a través do equipamento e instalación de enerxía xeotérmica no ¨Paco Paz¨


A semana anterior comezaron as obras para o equipamento e instalación de auga sanitaria por medio de enerxía xeotérmica no pavillón de deportes ¨Paco Paz¨, co que se busca reduci-la produción de CO2 do pavillón.

O proxecto CLIMATLANTIC foi presentado, a través do Negociado de Planificación, á segunda convocatoria de proxectos do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2007-2013, e resultou aprobado pola Unión Europea.

O obxectivo específico deste proxecto consiste na posta en común de recursos e capacidades no ámbito do desenvolvemento urbano e rural sostible no espazo atlántico para promover accións rexionais e locais para a redución da pegada de carbono e a loita fronte ó cambio climático.

A pegada de carbono (en castelán: huella de carbono) é canto dióxido de carbono (CO2) producímo-los cidadáns levando unha vida diaria normal. Unha ida e volta en coche ó traballo, prende-la luz da vivenda, un voo para ir de vacacións, todo iso usa combustibles fósiles, como carbón, petróleo e gas. Cando estes combustibles son queimados emiten gases de efecto invernadoiro, como o CO2, que contribúen ó quentamento global.

Neste proxecto, ademais da Deputación de Ourense, participan socios de entidades autonómicas, rexionais, locais de 5 países (España, Portugal, Francia, Irlanda e o Reino Unido).

O orzamento total do proxecto ascende a 2.070.887 euros, cun cofinaciamento do 65% do FEDER, que ascende a 1.346.076,55 euros.

As principais actuacións do proxecto son:

1. Constitución dun grupo de expertos para a creación dunha axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible para a redución da pegada de carbono e para facer fronte ó cambio climático.
2. Realización de proxectos piloto no ámbito da enerxía e da mobilidade para a redución dos gases efecto invernadoiro.

· Esta Administración participará no intercambio de experiencias no ámbito da mobilidade (por exemplo: condución ecolóxica, xestión sostible do parque móbil da Deputación, etc.).

· A Deputación terá un rol moito máis activo no grupo da enerxía, xa que porá en marcha un proxecto piloto, que consistirá no aproveitamento da enerxía xeotérmica e solar térmica para dotar dunha instalación combinada de produción de auga quente sanitaria ó pazo dos deportes ¨Paco Paz¨, reducindo así o consumo de combustibles fósiles (gasóleo de calefacción) e substituíndoos por enerxías renovables. Neste intre, esta actuación acaba de comezar co sondeo do campo xeotermico, seguindo a continuación, co test de resposta do terreo.

o Máis polo miúdo, preténdese a:

§ Instalación dunha planta solar térmica de alto rendemento para cubri-lo 70% da demanda enerxética da produción de auga quente sanitaria do pazo dos deportes.
§ Instalación dun campo xeotérmico e bomba xeotérmica para completa-lo 30% da demanda enerxética da auga quente sanitaria restante.
§ Adecuación da instalación á nova produción.

o A enerxía xeotérmica é unha enerxía renovable aínda moi descoñecida en España, e que ofrece unhas grandes vantaxes coma: aforro de enerxía do 50%, custos de mantemento mínimos, redución das emisións de CO2, sistema silencioso, etc., polo que con esta actuación se contribuirá a dala a coñecer entre os cidadáns (efecto demostrativo), asemade contribuirase a incrementa-lo seu emprego por parte das demais administracións públicas nos seus edificios.

3. Promoción dun Debate Atlántico con autoridades rexionais e locais, coa realización dun congreso final do proxecto en Ourense, no que se aprobará a Axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible do espazo atlántico (Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible).
4. Difusión final da Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible.

Este proxecto forma parte da estratexia posta en marcha desde o Negociado de Planificación de reorienta-los recursos europeos cara a proxectos que poidan ser unha oportunidade de futuro para a nosa provincia, como, por exemplo, todos aqueles baseados no desenvolvemento sostible. O uso de enerxías renovables pode ser unha oportunidade para a nosa provincia, como forma de fixar poboación no noso rural. Proba desta estratexia é a próxima creación por parte desta Deputación de tres Centros de Transformación de Biomasa (CTB) en diferentes comarcas da provincia, contemplados dentro dos proxectos Arraiano (Comarcas da Limia e Monterrei), Delorur (Comarcas de Valdeorras e Viana) e Terras do Avia (Comarcas do Ribeiro e O Carballiño).










miércoles, 1 de diciembre de 2010

Nova web do Negociado de Planificación da Deputación de Ourense

Puxose en marcha unha nova web para informa-los cidadáns dos proxectos levados a cabo polo Negociado de Planificación da Deputación de Ourense. Máis concretemente informa-los dos proxectos relacionados co FEDER - Eixe 5 (Proxectos Arraiano, Delorur e Terras do Avia): http://planificacion.depourense.es

viernes, 10 de septiembre de 2010

A Deputación de Ourense adxudica a obra civil para 6 depuradoras en Xinzo, Maside e O Barco

A Deputación de Ourense ven de adxudicar, por importe de 532.000 euros, a execución da obra civil para 6 plantas depuradoras nodrizas de augas residuais domésticas e lodos de fosas sépticas, que se construirán nos concellos de Xinzo de Limia, Maside e O Barco de Valdeorras. Estas actuacións enmárcanse dentro das actuacións dos proxectos “Delorur, Terras do Avia e Arraiano”, financiados mediante axudas do FEDER.

As obras, denominadas construción de “Obra civil para 6 Prantas depuradoras nodrizas de augas residuais domésticas e de lodos de fosas sépticas”, foron adxudicadas provisionalmente á UTE Sercoysa Proxectos y Obras, S.A.- Tesagua Tecnologías, S.L., e van suponer un importante avance na mellora do saneamento de pequenos núcleos de poboación do rural ourensán.
Os proxectos “Delorur, Terras do Avia e Arraiano”, cunha cofinanciación do FEDER do 65%, que está a desenvolver a Deputación de Ourense permiten levar a cabo iniciativas que permiten mellorar infraestruturas e servizos no rural.
Entre as actuacións que se realizan no marco destes proxectos figura a creación e posta en marcha dunha rede WiMax, que permite o acceso a servizos telemáticos nas zonas rurais.Tamén inclúen os proxectos liñas de axudas para financiar actuacións para peonalización, pavimentación, renovación de mobiliario urbano, supresión de barreiras arquitectónicas e instalación de illas soterradas para recollida selectiva de residuos sólidos urbanos, axudas ó comercio das vilas, demais de subvencións para a conservación e rehabilitación do patrimonio etnográfico, entre outras accións.
O orzamento de contratación destas obras acada os 572.000 euros. Resolto o concurso, foron adxudicadas á UTE. SERCOYSA PROYECTOS Y OBRAS, S.A.- TESAGUA TECNOLOGÍAS, S.L, por un importe de 532.811 euros, cun aforro para a institución provincial de preto de 40.000 euros.

jueves, 9 de septiembre de 2010

Inicianse as obras da antiga aduana de Feces de Abaixo (Verín)


Coa colocación do cartel inicianse a obra de reforma do edificio da antiga aduana para sede da Eurocidade Chaves-Verín – termo municipal de Verín- no marco do proxecto Eurocidade integrado no Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP), cofinanciado nun 75% con fondos FEDER da UniónEuropea.

lunes, 16 de agosto de 2010

Adxudicación definitiva maquinaria (equipación medio ambiental) do proxecto Arraiano

Anuncio de adxudicación definitiva

En cumprimento do disposto no artigo 138.1 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, publícase a resolución de adxudicación definitiva do procedemento
aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación para a contratación en lote único da subministración de dous tractores, dous cabezais de roza con aspiración e catro remolques,
con destino ó Servizo de Augas e Medio Ambiente da Área de Infraestructuras e Servizos da Excma. Deputación Provincial de Ourense, cofinanciado nun 70 % mediante axudas
do FEDER da UE-eixe 5 desenvolvemento local e urbanoperíodo 2007-2013 po rexional de Galicia, convocatoria 2007, a través do proxecto Arraiano, convocado por Decreto da
Presidencia Provincial, con data 28 de abril de 2010, co seguinte contido:
Unha vez completado o expediente para a contratación por procedemento aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación para a contratación en lote único da subministración de dous tractores, dous cabezais de roza con aspiración
e catro remolques, con destino ó Servizo de Augas e Medio Ambiente da Área de Infraestructuras e Servizos da Excma. Deputación Provincial de Ourense, cofinanciado nun
70 % mediante axudas do FEDER da UE-eixe 5 desenvolvemento local e urbano-período 2007-2013 po rexional de Galicia, convocatoria 2007, a través do proxecto Arraiano, convocado
por Decreto da Presidencia Provincial,con data 28 de abril de 2010, bases publicadas no perfil do contratante con data de 3 de maio de 2010, publicación no BOP con data 7 de maio de
2010, anuncio de licitación no DOG do día 11 de maio de 2010, publicación no BOE con data 12 de maio de 2010, publicación no DOUE con data 4 de maio de 2010, acta de constitución
da mesa e apertura de documentación administrativa do 21 de xuño de 2010, acta de apertura de proposición económica relativa ós criterios de adxudicación dependentes dun xuízo de valor con data 22 de xuño, acta de apertura de proposición económica relativa ós criterios de adxudicación de ponderación automática do día 30 de xuño, e Decreto de
adxudicación provisional do 5 de xullo de 2010, unha vez verificado o cumprimento das condicións recollidas na cláusula XVI do prego de cláusulas administrativas xerais, e no uso das atribucións previstas no apartado primeiro da disposición adicional segunda da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público (en diante LCSP), dispoño:
Elevar a definitiva a adxudicación deste expediente a favor da compañía mercantil José Estévez As Ferreiras, SL con CIF: B-32 163 347, que una vez informado/a do expediente e condicións
para a contratación en lote único da subministración de dous tractores, dous cabezais de roza con aspiración e catro remolques, con destino ó Servizo de Augas e Medio
Ambiente da Área de Infraestructuras e Servizos da Excma. Deputación Provincial de Ourense, cofinanciado nun 70 % mediante axudas do FEDER da UE-eixe 5 desenvolvemento
local e urbano-período 2007-2013 po rexional de Galicia, convocatoria 2007, a través do Proxecto Arraiano, se compromete á súa execución por un importe total de 283.000, 00 euros
(IVE, matriculación, e demais tributos incluídos), correspondendo o importe neto (sen IVE) á cantidade de 239.830,51 euros e o IVE aplicable á cantidade de 43.169,49 euros, dos
que corresponden ós 2 tractores a cantidade de 126.500,00 euros (IVE, matriculación e demais impostos incluídos), ós 2 cabezais da roza a cantidade de 116.500,00 euros (IVE e
demais impostos incluídos), e ós 4 remolques a cantidade de 40.000,00 euros (IVE, matriculación e demais impostos incluídos) comprometéndose tamén á entrega destes á Deputación nun prazo de 30 días, e ofrecendo un prazo de garantía para os equipos e maquinaria ofertados de 4 anos para tractores e 3 anos para o resto de maquinaria.
Ourense, 2 de agosto de 2010. O presidente.
Asdo.: José Luis Baltar Pumar.

Adxudicación definitiva das obras da reforma da antiga aduana de Feces para a sede da Eurocidade Chaves-Verín


En cumprimento do disposto no artigo 138 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, dáse conta do acordo de adxudicación definitiva do procedemento negociado
con publicidade para a contratación da execución da obra n.º4/16/2010 “Reforma do edificio da antiga aduana para sede da Eurocidade Chaves-Verín” – termo municipal de Verín- no marco
do proxecto Eurocidade integrado no Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP), cofinanciado nun 75% con fondos FEDER da Unión
Europea, adoptado por Decreto desta Presidencia provincial do 19 de xullo de 2010, a favor da compañía mercantil Vipeca, Obras y Servicios, SL, que formula oferta económica polo
importe de 323.339,40 e (IVE e demais tributos incluídos).

Ourense, 19 de xullo de 2010.
O presidente.
Asdo.: José Luis Baltar Pumar

miércoles, 21 de julio de 2010

A Deputación de Ourense destina preto 600.000 euros para unha convocatoria de axudas para melloría do espazo público

A DEPUTACIÓN DE OURENSE DESTINA PRETO DE 600.000 EUROS PARA UNHA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA MELLORÍA DO ESPAZO PÚBLICO DAS 7 VILAS INTEGRADAS NOS PROXECTOS ARRAIANO, DELORUR E TERRAS DO AVIA


A Deputación de Ourense aprobou achegas por un importe total de preto de 600.000 euros para a mellora de espazos públicos das vilas das comarcas de Valdeorras, A Limia, Monterrei, O Ribeiro e O Carballiño. Estas axudas son unha nova convocatoria que segue as xa concedidas no ano 2009 e que tiveron unha boa acollida por partes destes concellos.

En concreto, as subvencións irán destinadas á peonalización, pavimentación, renovación de mobiliario urbano, supresión de barreiras arquitectónicas e illotes soterrados nos núcleos urbanos de Xinzo de Limia e Verín no marco do Proxecto Arraiano, nos núcleos urbanos do Barco de Valdeorras, Viana do Bolo e A Rúa no marco do proxecto Delorur, e O Carballiño e Ribadavia, no marco do proxecto Terras do Avia. Os tres proxectos están cofinanciados nun 70% mediante axudas do FEDER.

Para as subvencións do proxecto Arraiano resérvase crédito por importe de oitenta mil euros (80.000,00 €), mentres que no proxecto Delorur resérvase crédito por importe de trescentos vinte e tres mil trescentos oitenta euros con sesenta e un céntimos (323.380,61 €) e no caso do proxecto Terras do Avia, resérvase crédito por importe de cento oitenta e tres mil un euros con trinta e tres céntimos (183.001,33 €).


A contía das subvencións obxecto desta convocatoria consistirá nunha porcentaxe do orzamento do proxecto presentado, podendo acadar, como máximo o 70 % do gasto total do proxecto de actuación presentado polo concello solicitante, non podendo superar, en ningún caso, a contía máxima de corenta mil euros (40.000,00 €) para cada proxecto.

Os proxectos a presentar polo concellos deberán:

Os proxectos deben contemplar, polo menos, unha das actuacións descritas na base primeira correspondente ó obxecto da convocatoria. As actuacións realizaranse exclusivamente en solo urbano consolidado.
orzamento en execución por contrata será de, como mínimo, 30.000,00 €, e polo menos o 30 % do importe de adxudicación do proxecto deberá ser financiado polo concello.
Os proxectos non se poderán executar por administración.
As actuacións contempladas nos proxectos deben terse realizado ou realizarse durante o ano 2010.

Para máis información consultalo BOP de 21 de xullo de 2010.

martes, 20 de julio de 2010

Nova convocatoria de axudas para a posta en funcionamento, mellora ou ampliación de comercios de venda polo miúdo (Proxectos ARRAIANO, DELORUR, TAVIA)

Axudas para a posta en funcionamento, mellora ou ampliación de comercios de venda polo miúdo no ámbito xeográfico dos proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA.


A Deputación de Ourense fixou como un dos principais obxectivos de actuación ó longo de 2009 potencia-lo desenvolvemento rural e urbano dos concellos da provincia, a través de actuacións económicas, tecnolóxicas e medioambientais que favorezan a competitividade e melloren o benestar e a calidade de vida dos cidadáns. En total, máis de 140.000 persoas da provincia son as beneficiarias das obras e servizos que se realizarán no marco dos proxectos ¨Arraiano¨, ¨Delorur¨ e ¨Terras do Avia¨.

A institución provincial puxo en marcha, co cofinanciamento dos fondos europeos, estes proxectos, que abranguen unha serie de actuacións dirixidas ós concellos de Ourense, encamiñadas a crear emprego, mellora-las infraestruturas, aumenta-la calidade medioambiental, mellora-la accesibilidade e preserva-lo patrimonio cultural.

Dentro do ámbito dedicado á promoción económica, a Deputación de Ourense convoca unha liña de axudas para a posta en funcionamento, mellora ou ampliación de comercios de venda polo miúdo nas vilas do ámbito xeográfico dos tres proxectos. No caso do proxecto ¨Arraiano¨, as vilas de Xinzo e Verín, no caso do ¨Delorur¨, as vilas do Barco, A Rúa e Viana do Bolo, e no caso do proxecto ¨Terras do Avia¨, as vilas de Ribadavia e O Carballiño.

A boa acollida destas axudas por parte do pequeno comercio local no ano 2009, fixo que a Deputación convoque no ano 2010 unha nova oferta de axudas encamiñadas a apoia-lo comercio de proximidade.

As actuacións teñen como obxectivo os seguintes gastos subvencionables:

Obras de construción, adaptación, mellora, reforma ou ampliación de locais para o desenvolvemento de actividades comerciais.

Adquisición e instalación de equipamentos específicos para o desenvolvemento da actividade, tales como o mobiliario, decoración, pintura ou escaparates, adquisición de software para a xestión comercial, de equipos informáticos e telemáticos propios para a actividade, adquisición de caixas rexistradoras, terminais puntos de venda e lectores de códigos, sistemas de medición e peso, sistemas de etiquetaxe e sistemas antirroubo incorporados ó produto e calquera outro equipamento que teña encaixe nesta convocatoria.

Beneficiarios:

Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas físicas e xurídicas titulares de comercios de venda polo miúdo que presenten as súas solicitudes axustándose ás bases da presente convocatoria e cuxo proxecto sexa considerado viable dende o punto de vista técnico, financeiro e económico.

Axudas:
A contía das subvencións obxecto da presente convocatoria consistirá nunha porcentaxe do orzamento do proxecto presentado polo solicitante, e non poderá superar, en ningún caso, a contía máxima de dez mil euros (10.000,00 €) para cada beneficiario. No caso de solicitudes de subvención para gastos en equipamento, a contía máxima que se concederá non poderá ser superior ós 3.000,00 € para cada beneficiario.

Prazo:

O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o día 16 de agosto de 2010.

Máis información:

Para máis información os interesados poden ve-las bases das axudas no BOP do día 14 de xullo de 2010, ou informarse no teléfono: 988 011 446.

miércoles, 7 de julio de 2010

A Deputación de Ourense convoca axudas para a conservación e rehabilitación do patrimonio etnográfico

A Deputación de Ourense convoca axudas para a conservación e rehabilitación do patrimonio etnográfico no ámbito xeográfico dos proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA

A Deputación de Ourense fixou como un dos principais obxectivos de actuación ó longo de 2009 potencia-lo desenvolvemento rural e urbano dos concellos da provincia, a través de actuacións económicas, tecnolóxicas e medioambientais que favorezan a competitividade e melloren o benestar e a calidade de vida dos cidadáns. En total, máis de 140.000 persoas da provincia son as beneficiarias das obras e servizos que se realizarán no marco dos proxectos ¨Arraiano¨, ¨Delorur¨ e ¨Terras do Avia¨.

A institución provincial puxo en marcha, co cofinaciamento dos fondos europeos, estes proxectos, que abranguen unha serie de actuacións dirixidas ós concellos de Ourense, encamiñadas a crear emprego, mellora-las infraestruturas, aumenta-la calidade medioambiental, mellora-la accesibilidade e preserva-lo patrimonio cultural.

Dentro do ámbito dedicado á promoción do patrimonio cultural e preservación deste, a Deputación de Ourense convoca unha liña de axudas destinadas á preservación e conservación do rico patrimonio etnográfico dos nosos concellos.

A intención da Deputación de Ourense, ó convoca-las devanditas axudas, é a protección, conservación, así como a posta en valor dos numerosos bens do patrimonio etnográfico que atesoura a provincia da Ourense (moitos deles nun pésimo estado de conservación), co fin de evita-la súa perda para sempre, coa perda que iso implicaría para o patrimonio cultural e, por ende, turístico, da provincia.

Os investimentos que se realizarán terán, en principio, carácter de obras de limpeza, consolidación, conservación e rehabilitación das construcións, instalacións e do seu contorno, e artellarán unha política de promoción da cultura e da paisaxe nas áreas xeográficas dos proxectos.

A modo de exemplo, os bens e instalacións de arquitectura tradicional e etnográfica sobre os que se poderá actuar no desenvolvemento das axudas, serían os seguintes:

1. Cruceiros, petos de ánimas.
2. Hórreos, muíños, fornos, pombais, palleiras, alpendres.
3. Adegas, prensas.
4. Fontes, lavadoiros, pozos, canais, sistemas hidráulicos.
5. E outros de carácter similar.

Lembrar que a Lei do patrimonio cultural de Galicia determina, tanto para os seus propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais, como para os poderes públicos, a obriga de preserva-lo interese xeral que é o patrimonio cultural, para aseguraren a súa integridade e evita-la súa perda, a súa destrución e a súa deterioración.

Beneficiarios:
Poderán ser beneficiarios destas axudas:

-As persoas físicas, as comunidades de bens e persoas xurídicas con ou sen ánimo de lucro que teñan a cualidade de propietarias, posuidoras ou titulares de dereitos reais, con consentimento do titular da propiedade. No caso de bens inmobles de titularidade veciñal ou comunal poderán ostenta-la condición de beneficiarios as agrupacións sen personalidade xurídica constituídas, polo menos, por tres persoas maiores de idade.

-Concellos da área xeográfica dos proxectos.

Bens obxecto da convocatoria:

Elementos ou construcións de carácter etnográfico en xeral, recollidos nun inventario ou catálogo dependente dunha administración pública ou nun instrumento urbanístico municipal.
Axudas:As axudas consistirán nunha subvención que se percibirá por unha soa vez por beneficiario/s e ben inmoble, cun importe máximo de 4.000 euros por actuación (Máxima porcentaxe da subvención: 75%).

Prazo:

O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o día 9 de agosto de 2010.

Máis información:

Para máis información os interesados poden ve-las bases das axudas no BOP do día 7 de xullo de 2010, ou na web http://www.depourense.es/ , ou informarse no teléfono: 988 011 446.

A Deputación de Ourense poderá dar instrucións particulares e establecer criterios concretos segundo o carácter e a dimensión da actuación, que serán comunicados de forma detallada na resolución coa que se autoricen as obras.

Estes proxectos están cofinanciados nun 70% a través de axuda do FEDER, no Eixo 5 de Desenvolvemento Local e Urbano, durante o período 2007-2013.
Área de actuación do proxecto ARRAIANO:

· A Limia: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.
· Monterrei-Verín: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.

Área de actuación do proxecto TERRAS DO AVIA:

· O Carballiño: San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside,Piñor e Punxín.
· O Ribeiro: A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia.

Área de actuación do proxecto DELORUR:

· Valdeorras: O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
· Viana: A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

viernes, 14 de mayo de 2010

jueves, 29 de abril de 2010

A Deputación de Ourense pon en marcha o proxecto "URBANISMO EN REDE"




O Programa permite ofrece-la información urbanística dos concellos de Allariz, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Xinzo de Limia e Verín a través da web da Deputación Provincial e da web dos Concellos. Os ourensáns poderán obte-la información de forma inmediata e personalizada e supón unha aposta pola Administración electrónica e a transparencia informativa. Os traballos comezaron en abril de 2010 e rematrán a finais de ano.


A Deputación de Ourense, adheriuse ó programa Urbanismo en Rede, froito dun convenio marco entre os Ministerios de Industria, Turismo e Comercio, a través de Red.es, e do Ministerio de Vivenda. O proxecto vai permiti-la obtención de información urbanística de forma inmediata e personalizada a través da páxina web da Deputación Provincial e da páxina web dos concellos participantes, o que supón un paso máis no impulso da Administración electrónica.Con este novo desenvolvemento, poderase acceder a toda a información urbanística que se necesite mediante dúas vías: facendo clic directamente sobre o mapa na zona que se desexe ou introducindo datos concretos referidos ó planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou nome da zona para consultar.


A posta en marcha do programa por parte do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos) levarase a cabo grazas ó financiamento do 70 % do investimento por parte de red.es con Fondos FEDER, e o resto cofinanciado pola Deputación de Ourense.


Sobre o programa Urbanismo en Rede.


Urbanismo en Rede ten como obxectivo dar resposta a unha demanda social de transparencia, mediante a publicación por Internet dos plans urbanísticos e fomentar-la interoperabilidade entre administracións a través dos servizos Web.


Sobre o Sistema de Información Urbana (SIU)


O Sistema de Información Urbana (SIU) é unha ferramenta Web (http://siu.vivienda.es/portal/), accesible publicamente, a través da que os cidadáns teñen acceso á información básica dispoñible sobre o planeamento urbanístico, a ocupación e usos do solo e as áreas de desenvolvemento.


Sobre fondos FEDER


Este proxecto lévase a cabo grazas ó cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellora-la cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais. Neste senso, as actuacións levadas a cabo por red.es céntranse en fomenta-lo desenvolvemento do contorno produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e da sociedade da información.

martes, 27 de abril de 2010

Actividades do proxecto RETALER desenvoltas pola Deputación de Ourense


Actividades do proxecto RETALER (Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais en Enerxías Renovables) que desenvolverá a Deputación de Ourense.

En concreto, a Deputación de Ourense, que xunto con outra entidade galega, o Eixo Atlántico, participa como socio no proxecto, centrará as súas actividades, por unha banda, na realización dunha serie de estudos que permitan avalia-las potencialidades do aproveitamento da biomasa na provincia, así como as posibilidades de implantación de diversos Centros de Transformación da Biomasa (CTB), e, por outra, no desenvolvemento dun proxecto piloto que permita o aproveitamento enerxético das augas procedentes das estacións depuradoras de augas residuais da provincia. Por último, tamén realizará unha serie de auditorías en edificios e instalacións públicas que permitan un maior aforro e eficiencia enerxética, así como participará no intercambio de boas practicas, sensibilización e formación.

Máis detidamente a Deputación de Ourense participará nas seguintes accións.

Actividade 1: Estudos transfronteirizas para a implantación de enerxías renovables na Raia.

No marco da actividade 1 levaranse a cabo diferentes estudos, coa función de seren ferramentas para a planificación e ordenación dos recursos enerxéticos nos territorios beneficiarios. Por esta razón, non só orientarán a realización dalgúns dos proxectos piloto propostos en RETALER, tamén as actuacións propias dos socios no exercicios das súas competencias.

1.1. Estudo sobre as potencialidades da biomasa no desenvolvemento sostible da provincia de Ourense. Caracterización e avaliación do potencial de biomasa existente na área beneficiaria. Desenvolvemento dunha estratexia sostible do uso da biomasa. Estudo para a implantación de centros de transformación de biomasa (CTB) na provincia de Ourense.

1.2 Propostas de modificación e/ou adaptación das ordenanzas municipais para a promoción da utilización das tecnoloxías de enerxías renovables en edificios municipais (sistemas solares térmicos e/ou fotovoltaicos), con especial referencia á súa implantación en áreas sensibles (núcleos históricos e edificios clasificados). Ordenanzas estándar para tódolos concellos de Ourense en materia enerxética.

1.3 Auditorías de edificios e instalacións públicas da Deputación de Ourense (Edificio da sede principal da Deputación, Centro Cultural, Pazo dos Deportes Paco Paz, Teatro Principal, Centro Ecuestre, Pazo de Vilamarín, naves maquinaria, etc.).

Auditoría de aforro enerxético.
Auditoría en materia de seguridade en instalacións eléctricas.
Eficiencia enerxética a nivel municipal.

Actividade 2. Proxectos piloto en materia de enerxías renovables.

No marco da Actividade 2, preténdese levar a cabo unha variedade de proxectos piloto conxuntos, en instalacións públicas, que sirvan de modelo para a implantación de aplicacións das enerxías renovables, en tódolos territorios do proxecto. Desta forma, a través da transferencia de metodoloxías, documentos e know-how, tódalas entidades participantes poderán executar, por si mesmas, un amplo abanico de actuacións.

2.1. Recuperación de enerxía en estacións depuradoras de augas residuais (proxecto RECUPEDAR).

O proxecto RECUPEDAR propón o aproveitamento da enerxía hidráulica producida polas augas residuais da propia planta depuradora así como para compensar o gasto enerxético producido no bombeo da auga potable.
Para máis información: http://recursoseuropeos.depourense.es/index.php?option=com_content&view=article&id=26&Itemid=26

Actividade 3 . Intercambio de boas prácticas, sensibilización e formación.

No desenvolvemento da actividade 3, divulgaranse a tódolos socios as actuacións que cada socio levará a cabo no seu territorio, nas que poderán participar. Ademais, as actividades de divulgación pretenden chegar a tódolos axentes e actores locais, así como sensibilizar ós cidadáns sobre o potencial e as vantaxes das enerxías renovables.

Actividade 4. Realización de Seminarios transfronteirizos.


Xornada técnica sobre o presente e o futuro das enerxías renovables na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que terá lugar no Centro Cultural da Deputación de Ourense.

Accións nas que participan tódolos socios (accións comúns):

1. Creación e actualización da páxina web bilingüe do proxecto.
2. Integración da información e os resultados na web das entidades participantes.
3. Creación dun folleto bilingüe do proxecto.
4. Catálogo conxunto de boas prácticas en materia de eficiencia e aforro enerxético.
5. Formación de xestores enerxéticos municipais e provinciais (Rede GEM).
6. Accións de difusión e divulgación a través da web, seminarios e mass media. Divulgación en eventos de terceiros dos resultados e produtos. Divulgación a outros espazos transfronteirizos da Unión Europea. Campañas didácticas sobre enerxías renovables.
7. Estancias de transferencia. Intercambio de experiencias técnicas: formación conxunta, sesións de transferencia, estancias en entidades, desenvolvemento de propostas conxuntas en ámbitos de interese financiadas ou non por fondos estruturais.
8. Cursos de formación para diferentes destinatarios (alcaldes, técnicos e cidadáns), baseados en módulos formativos comúns de aplicación transfronteiriza.

jueves, 8 de abril de 2010

As obras da reforma da sede da EUROCIDADE CHAVES-VERÍN, situada na antiga alfándega de Feces de Abaixo, remataranse en outubro deste ano


As obras da reforma integral da antiga alfándega de Feces de Abaixo (Verín) enmárcanse nas actuacións que desenvolverá a Deputación de Ourense dentro do proxecto EUROCIDADE CHAVES-VERÍN, proxecto presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP) a través do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos), que ten un costo total de 1.333.578, 20 euros, cofinanciado nun 75% polo FEDER.

As obras licitaranse neste mesmo mes, e os traballos comezarán de inmediato, co obxecto de remata-las obras no mes de outubro deste ano. O custo das obras de reforma rondará ós 400.000 euros, xa que se tratará dunha reforma moi profunda da vella alfándega, coa reforma interior, novas divisións internas e un adecentamento total das instalacións.

O obxectivo do proxecto Eurocidade Chaves-Verín é senta-las bases dunha cooperación transfronteiriza de segunda xeración que permita converte-la Eurocidade Chaves-Verín nun instrumento de desenvolvemento rexional que permita pór en marcha accións que melloren a calidade de vida dos cidadáns, en concreto, preténdese dota-la eurocidade dunha estrutura que garanta un funcionamento eficiente, implicando ós cidadáns no proxecto para a creación dunha eurocidadanía. Por último, búscase dinamiza-la economía da eurocidade, así como apostar polo desenvolvemento sostible do seu territorio.

Socios do proxecto:

o Concello de Verín.
o Deputación de Ourense.
o Cámara Municipal de Chaves
o Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade (Xunta de Galicia)
o Eixo Atlántico
o Instituto Portugués da Xuventude.

Actuacións contempladas no proxecto:

1. “Estruturación da Eurocidade”:

· Rehabilitación das antigas dependencias do posto fronteirizo.

· Posta en funcionamento operacional do ¨Portelo¨ da “Eurocidade Chaves-Verín”, contratación do equipo técnico.

· Plataforma de comunicación da Eurocidade dirixida á cidadanía.

· Estudo estratéxico da Eurocidade, coñece-la situación de partida e establecer obxectivos e liñas de actuación a medio e longo prazo.

2. “Eurocidadanía”:

· Tarxeta do eurocidadán e organización dunha oferta de servizos comúns.

· Oficina da Xuventude.

· Local de ensaios transfronteirizos.

· Axenda cultural da Eurocidade de carácter trimestral.

· Forma-la Eurocidadanía.

3. “Eurocidade: catalizador da dinamización económica”:

· Unidade de Desenvolvemento de Produtos Turísticos da Eurocidade para identifica-las principais fortalezas da Eurocidade Chaves-Verín en materia turística, optimiza-la súa explotación sostible, publicación de guías temáticas para impulsa-las potencialidades turísticas identificadas.

· Novas tecnoloxías aplicadas ó turismo.

Ligazón de interese:
http://www.poctep.eu/

lunes, 5 de abril de 2010

A Deputación de Ourense aposta polas enerxías renovables a través do proxecto RETALER (Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais)

Mapa do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España–Portugal 2007-2013 (Fonte: Inforregio Website)


A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos), presentou conxuntamente coa case totalidade das entidades locais españolas e portuguesas fronteirizas, no ano 2009, un proxecto á primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2007-2013, e resultou aprobado. O proxecto conta cun orzamento total de 2.157.000 €, cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto RETALER ten como obxectivo a cooperación temática en enerxías renovables entre autoridades locais españolas e portuguesas, co fin de promove-la súa implantación, desde un enfoque integrado e homoxéneo que cubra a fronteira hispano-lusitana, que supere as áreas tradicionais de cooperación e responda ós retos do espazo transfronteirizo.

OBXECTIVO XERAL DO PROXECTO:

Reforza-la cooperación entre as autoridades locais e provinciais no campo das enerxías renovables, mediante a transferencia de boas prácticas e metodoloxía, así como a definición conxunta de políticas e proxectos transfronteirizos, co obxecto de dar resposta, desde o nivel local, ós principais retos das zonas transfronteirizas:

A. Diversificación das actividades nas zonas para loitar contra o seu despoboamento.
B. Solución dos problemas ambientais e de tipo ecolóxico que se manifestan particularmente nas zonas rurais.
C. Desenvolvemento de redes interactivas transfronterizas.
D. Implantación de modelos sostibles de ordenación do territorio.

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS DO PROXECTO:

· Favorece-la implantación transfronteiriza das enerxías renovables nos ámbitos de actuación das entidades locais, en especial, nos municipios radicados en áreas rurais, para lograr un desenvolvemento sostible, que reduza as diferenzas na materia, existentes entre os núcleos urbanos e os rurais.
· Artellar estratexias de desenvolvemento territorial equilibradas, que se concreten en plans estratéxicos transfronteirizos de cooperación e se fundamenten na explotación económica das potencialidades das enerxías renovables, en especial, en relación á xeración e consolidación do emprego.
· Promove-la competitividade das economías locais para responder ós retos presentados polo cambio climático, recoñecendo no aforro e a eficiencia enerxética un instrumento do crecemento económico e do benestar social.
· Contribuír a controlar e diminuí-las emisións de dióxido de carbono á atmosfera, en liña cos requirimentos comunitarios e o Protocolo de Kyoto, mediante a aplicación de medidas de aforro e a optimización enerxética a nivel municipal, propiciando a diversificación de fontes.
· Promove-la concreción de propostas conxuntas, propiciando a implementación de solucións específicas de aforro enerxético entre os municipios das zonas transfronteirizas.
· Optimizar un modelo transfronteirizo de capacitación e formación entre os actores e axentes implicados, que permita a realización de proxectos conxuntos, a mellora dos equipamentos enerxéticos dependentes dos municipios, así como a efectiva transferencia dos progresos desenvoltos por cada socio.
· Contribuír ó cambio de mentalidade en materia de aforro enerxético a través da difusión de boas prácticas entre os cidadáns, promovendo un comportamento máis racional e responsable no consumo de enerxía.

Área de intervención do proxecto RETALER.

A área de intervención do proxecto RETALER abarca tódalas rexións (NUTS II) e a maioría das provincias transfronterizas (NUTS III), tanto de España como de Portugal. Cobre, polo tanto, unha superficie de 132.146 km2, que supón ó redor dun 97% da superficie total do territorio do Programa de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP). En canto á poboación beneficiaria, sitúase en torno ós 4.500.000 habitantes, o que representa un 83% da poboación, do ámbito básico do POCTEP. A maioría dos territorios dos socios caracterízanse polo afastamento dos grandes centros de demanda e de actividade económica. Conxuga unha densidade demográfica moi débil, con taxas regresivas de crecemento da poboación, sendo unha característica común o alto grao de envellecemento da poboación. Ademais, en moitos destes territorios, predominan as áreas rurais.

O área seleccionada pretende supera-las divisións administrativas rexionais para sentar unas bases de acción comúns, que permitan levar a cabo actuacións en materia de enerxías renovables, nos territorios beneficiarios. Perséguese, por unha banda, homoxeneiza-las prácticas e políticas desenvoltas en cada territorio e, por outro lado, incluí-lo enfoque local e supramunicipal nelas. Preténdese cubri-la fronteira a través da cooperación temática en materia de enerxías renovables, que teña como fundamento o intercambio de experiencias e boas prácticas, entre entidades que contan con diferentes bagaxes e graos de actividade no campo das enerxías renovables. Desta forma, contribúese a reforza-lo enfoque integrado que require o Programa de Cooperación Transnacional (POCTEP), levándoo máis alá das áreas tradicionais de cooperación dos socios.

Área de actuación do proxecto RETALER:

Portugal: Norte, Centro, Alentejo e Algarve (Minho-Lima, Cávado, Alto Trás-os-Montes, Douro, Beira Interior Norte, Beira Interior Sul, Alto Alentejo, Alentejo Central e Algarve; así como Ave, Porto, Tâmega).

España: Galicia (Ourense), Castela e León (Salamanca, Zamora), Estremadura (Cáceres e Badaxoz) e Andalucía (Huelva).

Ideas contra a despoboación: Asociación Española de Municipios contra a Despoboación

A Asociación Española de Municipios contra a Despoboación ten neste momento 49 concellos asociados.

A Asociación desenvolve as seguintes actividades:

· Servizo de recepción de novos poboadores:

• É un servizo que ten como obxectivo facilitar o contacto entre os concellos que están interesados en recibir novos poboadores, e as persoas que están interesadas en trasladar o seu lugar de residencia ás áreas rurais.
• É unha ferramenta ó servizo dos Concellos asociados para canalizar a súas demandas, intereses, necesidades ....
• A asoaciación posúe e xestiona unha base de datos con persoas interesadas en trasladarse ás zonas rurais.

Como funciona?

Ante a demanda das persoas que queren trasladarse as áreas rurais:

•Respondese á demanda de información.
•Dáselle entrada na base de datos.
•Envíanselle periodicamente ofertas de emprego na zona.
• Unha vez que se atopa emprego, axudáselle a atopar inmobles de aluguer preto ó lugar de traballo.

Para máis información sobre a Asociación:

Asociación Española de Municipios contra la Despoblación
http://www.campoyvida.com/

Tel.: 978 84 99 03

Ayuntamiento de Aguaviva (Teruel)
Presidente: Luis Bricio (Alcalde de Aguaviva)
Persona de contacto: Sonia A.

viernes, 26 de marzo de 2010

A Deputación de Ourense seleccionada no Programa URBANISMO EN REDE para pór en marcha un proxecto de publicación dixital dos plans urbanísticos

Mapa da densidade poboacional de Galicia

A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación (Negociado dependente do Servizo de Investimentos, Patrimonio e Subvencións), presentouse á primeira convocatoria do programa Urbanismo en Rede resultando aprobado seu proxecto. O proxecto aprobado ten como obxecto publicar dixitalmente os plans urbanísticos dos seguintes concellos: Allariz, o Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Verín e Xinzo de Limia. Os cidadáns destes concellos poderán consulta-la información urbanística do seu concello dunha forma fácil, rápida e intuitiva a través de Internet e, por outra banda, permitirá ás administracións locais ofrecer unha información actualizada do planeamento urbanístico vixente e actualizado en cada momento.

O programa Urbanismo en Rede naceu co obxecto de publica-los plans urbanísticos municipais, a través de Internet, habilitando que os cidadáns poidan acceder a eles dunha maneira fácil e personalizada, co efecto de aumentar e potencia-la transparencia na xestión pública do sector urbanístico. Asimesmo, perséguese facilitar unha completa operatividade entre as distintas administracións e os axentes implicados, a través de servizos electrónicos que permitan a posta a disposición do planeamento urbanístico para ser utilizada polos diferentes interesados.

O proxecto ten un custe total de 280.882€ dos que a entidade pública empresarial Red.es achegará un 70%.

Proximamente, procederase a asina-lo protocolo de adhesión por parte da Deputación de Ourense, así mesmo procederase tamén á sinatura, por parte dos distintos alcaldes e alcaldesas do devandito convenio.

O programa Urbanismo en Rede foi posto en marcha pola entidade pública empresarial Red.es a partir dun convenio de colaboración subscrito polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), co obxectivo de impulsa-la introdución das novas tecnoloxías da xestión urbanística municipal.

CONCELLO
HABITANTES - SUPERFICIE (Km2)

Allariz
5.690 habitantes 86,0 Km2
Barco de Valdeorras, O
14.040 hab. 85,7 km2
Carballiño, O
13.983 hab. 54,4 km2
Celanova
6.075 hab. 67,3 km2
San Cibrao das Viñas
4.200 hab. 39,5 km2
Sandiás
1.498 hab. 52,8 km2
Verín
14.237 hab. 94,1 km2
Xinzo de Limia
10.033 hab. 132,7 km2
TOTAL
69.756,0 hab. 612,5 km2

A Deputación de Ourense apoia as empresas relacionadas coas tecnoloxías da comunicación e da imaxe a través do proxecto IMAGINAATLANTICA

Mapa do Espazo Atlántico (Fonte: Inforregio Website)



Nova do 4/03/2010.

A Deputación de Ourense participará nos vindeiros 3 anos (2010, 2011 e 2012) no proxecto IMAGINAATLANTICA (Espazo Atlántico: Territorios creativos e innovadores), cuxa prioridade é a de promove-la iniciativa empresarial transnacional e as redes de innovación.

O proxecto IMAGINAATLANTICA foi presentado a través do Negociado de Planificación á segunda convocatoria de proxectos do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2007-2013, e resultou aprobado pola Unión Europea.

O obxectivo específico deste proxecto consiste no estímulo da reconversión e a diversificación económica promovendo o potencial rexional a través dunha Axencia de Promoción das Novas Tecnoloxías da Imaxe a escala atlántica, que esta ó servizo da posta en valor do patrimonio atlántico. A misión deste ente vai ser:

• Implementar programas de intercambios profesionais (empresarios, técnicos e estudantes) en novas tecnoloxías da imaxe.
• Desenvolver e ofrecer apoio financeiro ás artes e ó sector da imaxe en xeral.

O proxecto aposta por experimentar coa posta en funcionamento dun clúster (termo inglés que se emprega nos eidos tecnolóxico e empresarial para referirse a distintos agrupamentos ou conxuntos integrados de elementos) que poña en rede a creación de traxectos turísticos e culturais, empregando os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías da imaxe. Neste senso, desde a Deputación de Ourense tratarase de xerar un valor engadido ó Camiño de Santiago co gallo da celebración do Ano Santo 2010 (Xacobeo).

Participan neste proxecto entidades autonómicas, rexionais e locais, así como centros tecnolóxicos e da imaxe, de 4 países (España, Portugal, Francia e Gran Bretaña). Este partenariado está formado por: Communauté d´Agglomération du Grand Angoulême (Francia), Eixo Atlántico (España – Portugal), Fundaçao da Juventude (Portugal), Oficina de Información Europea para a Xuventude (Xunta de Galicia), Centre for Advanced Software Technology (CAST) (Gran Bretaña).

O orzamento total do proxecto ascende a 1.633.647,96 euros, cun cofinanciamento do 65% do FEDER, que ascende a 1.061.871,17 euros.

As principais actuacións do proxecto son:

1. Creación dun ¨pool¨ de competencias e recursos atlánticos da imaxe. Esta actividade consistirá en identificar e inventaria-los polos de imaxe existentes no territorio do Arco Atlántico (empresas, entidades de formación, equipamentos públicos, asociacións e outras entidades cuxa actividade está consagrada ó dominio da imaxe).

Un cluster é unha concentración de empresas, institucións e demais axentes relacionados entre si por un mercado ou produto, nunha zona xeográfica relativamente definida, para deste xeito conformar en si mesma un polo (¨pool¨) de coñecemento especializado con vantaxes competitivas.

2. Definición e posta en marcha de programas de intercambio para xoves profesionais e expertos. Definir e pór en funcionamento programas de intercambio transnacional de bolseiros, estudantes ou xoves profesionais. Definir e pór en marcha un programa de 3 seminarios técnicos internacionais, ligados ás actividades do proxecto.

3. Posta en valor do patrimonio atlántico e as súas capacidades de expresión. Por en valor as capacidades de expresión de cada territorio para valoriza-lo patrimonio atlántico a través de: a animación de circuítos turísticos grazas ó apoio dun equipo transnacional de expertos e ó emprego das novas tecnoloxías da imaxe; a preconfiguración dunha Axencia de promoción IMAGINAATLANTICA; a produción e circulación de creadores a través da organización dun concurso internacional e a súa promoción mediante a organización dunha conferencia de carácter internacional que terá lugar en Ourense.

4. Grupo de traballo “Territorios Creativos”. Tratarase de capitaliza-lo conxunto de experiencias das actividades anteriores para elaborar unha estratexia de promoción dunha Eurorrexión Atlántica virtual das tecnoloxías da comunicación e da imaxe.

5. Promoción internacional do Cluster. Promoción do Cluster IMAGINAATLANTICA e estudo das posibilidades para a súa consolidación máis alá da duración do proxecto.

Neste marco, a Deputación de Ourense será un socio especialmente activo na preparación e execución do programa de intercambio de xoves profesionais, para o que colaborará coa Universidade de Vigo, a Cámara de Comercio e Industria e a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Ademais, será o socio encargado de organiza-la Conferencia Internacional que pechará o proxecto.

Este proxecto forma parte da estratexia posta en marcha desde o Negociado de Planificación, de reorienta-los recursos europeos cara a proxectos que poidan ser unha oportunidade de futuro para a nosa provincia, como, por exemplo, todos aqueles que teñan relación coa implantación e o desenvolvemento da innovación nas PEMEs, así como o apoio ás industrias innovadoras, neste caso relacionadas coas tecnoloxías da comunicación e da imaxe, da provincia de Ourense.

A Deputación de Ourense continua a súa aposta polas enerxias renovables a través do proxecto ¨CLIMATLANTIC¨





Nova do 9/03/2010.


A Deputación de Ourense participará nos vindeiros 3 anos (2010, 2011 e 2012) no proxecto CLIMATLANTIC, cuxa prioridade é a de promove-las sinerxías transnacionais no desenvolvemento sostible urbano e rexional a través das enerxías renovables.

O proxecto CLIMATLANTIC foi presentado a través do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos) á segunda convocatoria de proxectos do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2007-2013, resultando aprobado pola Unión Europea.

O obxectivo específico deste proxecto consiste na posta en común de recursos e capacidades no ámbito do desenvolvemento urbano e rural sostible no espazo atlántico para promover accións rexionais e locais para a redución da pegada de carbono e a loita fronte ó cambio climático.

A pegada de carbono (en castelán: huella de carbono) é canto dióxido de carbono (CO2) producimos os cidadáns levando unha vida diaria normal. Unha ida e volta en coche ó traballo, prende-la luz da vivenda, un voo para ir de vacacións, todo iso usa combustibles fósiles, como carbón, petróleo e gas. Cando estes combustibles son queimados emiten gases de efecto invernadoiro, como o CO2, que contribúen ó quentamento global.

Neste proxecto, ademais da Deputación de Ourense, participan socios de entidades autonómicas, rexionais, locais de 5 países (España, Portugal, Francia, Irlanda e o Reino Unido).
Este partenariado está formado polo Eixo Atlántico (España - Portugal), Agência Portuguesa do Ambiente (AGA - Portugal), Communauté d´Agglomération de Grand Angoulême (Francia), Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructura (Xunta de Galicia), South East Regional Authority (Irlanda), Merseytravel (Reino Unido), Quimper Communaute (Francia).


O orzamento total do proxecto ascende a 2.070.887 euros, cun cofinaciamento do 65% do FEDER que ascende a 1.346.076,55 euros.

As principais actuacións do proxecto son:

1. Constitución dun grupo de expertos para a creación dunha axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible para a redución da pegada de carbono e para facer fronte ó cambio climático.
2. Realización de proxectos piloto no ámbito da enerxía e da mobilidade para a redución dos gases efecto invernadoiro.

· Esta Administración participará no intercambio de experiencias no ámbito da mobilidade (por exemplo: condución ecolóxica, xestión sostible do parque móbil da Deputación, etc.).

· A Deputación terá un rol moito máis activo no grupo da enerxía. Xa que porá en marcha un proxecto piloto que consistirá no aproveitamento da enerxía xeotérmica e solar térmica para dotar dunha instalación combinada de produción de auga quente sanitaria ó pazo dos deportes ¨Paco Paz¨. Esta actuación completarase coa substitución da caldeira de gasoil do pazo dos deportes por unha caldeira de biomasa froito dun convenio da Deputación de Ourense co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Máis polo miúdo, preténdese a:

§ Instalación dunha planta solar térmica de alto rendemento para cubri-lo 70% da demanda enerxética da produción de auga quente sanitaria do pazo dos deportes.
§ Instalación dun campo xeotérmico e bomba xeotérmica para completa-lo 30% da demanda enerxética da auga quente sanitaria restante.
§ Adecuación da instalación á nova produción.

A enerxía xeotérmica é unha enerxía renovable aínda moi descoñecida en España, e que ofrece unhas grandes vantaxes coma: aforro de enerxía do 50%, custos de mantemento mínimos, redución das emisións de CO2, sistema silencioso, etc., polo que con esta actuación se contribuirá a dala a coñecer entre os cidadáns (efecto demostrativo), asemade contribuirase a incrementa-lo seu emprego por parte das demais administracións públicas nos seus edificios.

3. Promoción dun Debate Atlántico con autoridades rexionais e locais, coa realización dun congreso final do proxecto en Ourense, no que se aprobará a Axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible do espazo atlántico (Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible).
4. Difusión final da Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible.


Este proxecto forma parte da estratexia posta en marcha desde o Negociado de Planificación de reorienta-los recursos europeos cara a proxectos que poidan ser unha oportunidade de futuro para a nosa provincia, como, por exemplo, todos aqueles baseados no desenvolvemento sostible. O uso de enerxías renovables pode ser unha oportunidade para a nosa provincia, como forma de fixar poboación no noso rural. Proba desta estratexia é a próxima creación por parte desta Deputación de tres Centros de Transformación de Biomasa (CTB) en diferentes comarcas da provincia, contemplados dentro dos proxectos Arraiano (Comarcas da Limia e Monterrei), Delorur (Comarcas de Valdeorras e Viana) e Terras do Avia (Comarcas do Ribeiro e O Carballiño).


Proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA




Os proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA, presentados pola Deputación de Ourense, foron aprobados no ano 2008 polo Ministerio de Política Territorial, estando encadradas nas axudas do FEDER - Eixe 5, Desenvolvemento Local e Urbano, dentro do Programa Operativo Rexional de Galicia. Cada un destes proxectos está dividido en cinco áreas de actuación que son:

a.1) Fomento da sociedade da información e novas tecnoloxías.
a.2) Promoción económica: creación de emprego e oportunidades económicas a través da diversificación produtiva e a mellora das infraestruturas e servizos locais.
a.3) Mellora do contorno natural e a calidade medioambiental.
a.4) Mellora da accesibilidade e mobilidade.
a.5) Protección e preservación do patrimonio cultural.


Os proxectos están cofinanciados ó 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER – Eixe 5) sendo xestionados polo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos (negociado dependente do Servizo de Investimentos, Patrimonio e Subvencións).


PRINCIPAIS ACTUACIÓNS CONTEMPLADAS DENTRO DOS PROXECTOS.

a.1) Fomento da sociedade da información e novas tecnoloxías.

Creación e posta en marcha dunha rede Wi-Max para as comarcas das áreas de actuación que permitan o acceso a servizos telemáticos de banda ancha da maioría da poboación e contribuír así a darlles servizo ás pequenas e medianas empresas destas zonas.

Estado da actuación: actuación en marcha.

a.2) Promoción económica: creación de emprego e oportunidades económicas a través da diversificación produtiva e a mellora das infraestruturas e servizos locais.
Convocatoria de subvencións destinadas á adecuación, mellora, rehabilitación ou primeira instalación de pequenos comercios locais e talleres artesanais nas vilas das áreas de actuación (Verín, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, A Rúa , Viana do Bolo, O Carballiño e Ribadavia).

Estado da actuación: realizada a primeira convocatoria de axudas.

a.3) Mellora do contorno natural e a calidade medioambiental.
Creación de tres Centros de Transformación da Biomasa (CTB) para a súa acumulación, clasificado, triturado e secado, así como dotación de material para realiza-los traballos de limpeza e xestión da biomasa das vías na zona de dominio público dos municipios obxecto do proxecto (un CTB por proxecto).

Estado da actuación: actuación en marcha.

Instalación de seis depuradoras nodrizas compactas de augas residuais onde tratar periodicamente os lodos procedentes das fosas sépticas situadas en pequenos núcleos rurais de menos de 100 habitantes dos concellos das comarcas (dúas depuradoras por proxecto).

Estado da actuación: actuación en marcha.

Construción dunha Planta de Valorización de Residuos da Construción e Demolición, e depósito de refugallos para a comarca da Limia, para completa-lo mapa deste tipo de infraestruturas na provincia de Ourense (actuación só contemplada no Proxecto ARRAIANO).

Estado da actuación: actuación en marcha.

a.4) Mellora da accesibilidade e mobilidade.

Axudas á mellora do espazo público, medio ambiente e paisaxe urbana, baseándose no Plan Especial de Actuación para a Accesibilidade co que contan Verín, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Viana do Bolo, O Carballiño e Ribadavia, dos núcleos urbanos obxecto do proxecto a través de actuacións para a peonalización, pavimentación, renovación de mobiliario urbano, supresión de barreiras arquitectónicas e instalación de illas soterradas para a recollida selectiva dos residuos sólidos urbanos.

Estado da actuación: primeira convocatoria xa realizada, prevense dúas novas convocatorias.

a.5) Protección e preservación do patrimonio cultural.

· Rendente da reformulación.


Área de actuación do proxecto ARRAIANO: Comarca da Limia: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia. Comarca de Monterrei-Verín: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.

Área de actuación do proxecto TERRAS DO AVIA: Comarca do Carballiño: San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Piñor e Punxín. Comarca do Ribeiro: A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia. Área de actuación do proxecto

Área de actuación do proxecto DELORUR: Comarca de Valdeorras: O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Comarca de Viana: A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.


A Deputación de Ourense realizará durante o mes de xuño en Bruxelas unha xornada de promoción da lousa de Valdeorras

Nova do 9/03/2010.

A xornada que se desenvolverá na sede da Fundación Galicia Europa estará enfocada a dar a coñece-las posibilidades da lousa na nova arquitectura sostible ante o colectivo de arquitectos, construtores e decoradores da cidade belga, así como ante os lobbys europeos da construción que se asentan nesta cidade.

O vicepresidente 2º, Moises Blanco, aproveitou a súa estadía en Bruxelas co gallo da sinatura dos estatutos da rede Partenalia, rede de entidades intermedias europeas, para manter unha entrevista con persoal da Fundación Galicia Europa para levar a cabo esta iniciativa. Esta entrevista é continuación da mantida hai meses co director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, na que o director xeral se compremeteu a dar todo o seu apoio a esta xornada de divulgación da lousa.

A Deputación de Ourense, como socio da Fundación Galicia Europa, desenvolverá durante o mes de xuño unha xornada en Bruxelas, que terá como obxectivo promove-la lousa desde o punto de vista da arquitectura sostible e os materiais enerxeticamente eficientes, un sector en alza en Europa. A arquitectura sostible é o modo de concibi-lo deseño arquitectónico de maneira sustentable, buscando aproveita-los recursos naturais de tal modo que minimicen o impacto ambiental dos edificios sobre o medio ambiente e os seus habitantes. Esta xornada tamén servirá para a promoción da lousa ourensá ante os produtos alternativos de menor custo e peor calidade. Para a promoción dun dos sectores máis importantes da nosa provincia, a Deputación apoiara a Asociación Galega de Pizarristas (AGP) con sede en Sobradelo de Valdeorras, asociación que aglutina a totalidade dos empresarios do sector.

Logo da xornada de promoción da lousa, esta previsto que os representantes da Asociación Galega de Pizarristas (AGP) manteñan contactos con colectivos asentados na capital europea relacionados co sector da construción, así como con europarlamentarios galegos para que coñezan a situación actual do sector.

É preciso lembrar que Ourense é lider mundial no sector louseiro grazas á calidade e dispoñibilidade da súa lousa.

Sinatura por parte da Deputación de Ourense dos Estatutos da rede Partenalia no Comité das Rexións en Bruxelas

Mapa dos socios da rede Partenalia (Fonte: http://www.partenalia.eu/)

Nova do 5 de marzo de 2010.

O 5 de marzo de 2010 a rede Partenalia coa sinatura dos estatutos que a constitúen como Asociación Internacional con personalidade xurídica, culmina o seu proceso de actualización para facer fronte os novos retos das súas administracións

A rede Partenalia, única rede que aglutina a Autoridades Locais Intermedias de Europa, constituíuse o 5 de marzo de 2010 en Asociación internacional con personalidade xurídica propia co acto de sinatura no Comité das Rexións por parte dos diferentes representantes dos 23 socios de 6 países (España, Francia, Italia, Bélxica, Países Baixos). Tódolos socios son administracións intermedias con ámbitos e competencias semellantes ás provincias españolas. Proba da influencia que pode ter esta rede na Unión Europea a nivel local son a participación de socios como a Deputación de Barcelona, Provincia de Roma (Italia), Provincia de Turín (Italia), Provincia de Bruxelas Capital (Bélxica), etc.

Logo da sinatura, o representante da Deputación de Ourense, o vicepresidente 2º, Moisés Blanco, fixo no seu discurso mención ós novos retos que teñen que asumir as administracións intermedias asi como mostrou satisfacción pola posta en marcha de iniciativas de gran visibilidade para nas nosas administracions desde os grupos da red Partenalia. Xa que desde esta rede é importante demostrar á Unión Europea que as administracions intermedias poden desempeñar un importante rol nos obxectivos marcados pola Unión, apoiando iniciativas cuxo obxectivo final sexa crear unha economía dinámica basada no coñecemento, cun crecemento económico sostible e unha maior cohesión social

O evento contou coa participación de destacados poñentes das institucións europeas (Parlamento Europeo, Comité das Rexións, etc.) e administracións locais intermedias que intercambiaron ideas cos asistentes sobre o papel destas ultimas no futuro da unión Europea.

A rede Partenalia representa os intereses das Autoridades Locais Intermedias a nivel europeo e ofrece un marco privilexiado para promove-la innovación e o intercambio de experiencias a nivel internacional e o desenvolvemento de proxectos comúns en Europa. Proba desto ultimo e a posta en marcha por parte da rede da realización dunha guía para coñecer iniciativas innovadoras en diferentes países europeos para transferilas experiencias ás diferentes provincias por parte dos socios a través de proxectos futuros da rede que teñen como fin a realización de iniciativas para promove-la innovación nas PEMES e na Administración.

A Deputación de Ourense pon en marcha un estudo técnico dos seus fondos documentais para a súa dixitalización e posterior posta en valor

Nova do 4 de febreiro de 2010.

A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos) puxo en marcha este mercores un proxecto de dixitalización dos arquivos da Deputación.

A necesidade da dixitalización e posta en valor dos importantes fondos documentais e bibliográficos, así como doutro tipo, atesourados pola Deputación de Ourense, fai que sexa imprescindible a realización dun estudo técnico previo dos seus fondos documentais para a súa posterior dixitalización e posta en valor, pondo unha especial atención na salvagarda daqueles documentos que pola súa especificidade poidan irremediablemente perderse para sempre se non se procede á súa salvagarda.

Neste proxecto realizaranse as seguintes tarefas.

I. Estudo das necesidades de xestión documental da Deputación de Ourense.
II. Estudo e proposta da solución técnica máis axeitada.
III. Elaboración de memoria técnica e resumo executivo.

A contratación deste servizo foi adxudicada á empresa Tecnocom, SA, empresa que ten experiencia na realización destes estudos.

O estudo técnico é un paso previo imprescindible e necesario para acomete-la creación dun Centro de Coñecemento para a explotación do patrimonio documental e bibliográfico conservado nos diferentes departamentos ou seccións da Deputación (Biblioteca da Deputación, Arquivo Provincial, Escola de Danza, Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo “Xocas”, Publicacións, etc.) para a posterior presentación ó programa ¨AVANZA CONTENIDOS¨, e así obter financiamento por parte do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. A través deste Centro de Coñecemento os cidadáns terán acceso ós importantes fondos da Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense da os primeiros pasos para a implantación dunha rede de banda ancha no rural ourensán


Nova do 21/10/2009.


A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos (negociado dependente do Servizo de Investimentos, Patrimonio e Subvencións), está desenvolvendo nestes intres actuacións de implantación de banda ancha no rural ourensán. Durante estes últimos días procedeuse á convocatoria mediante procedemento aberto do expediente para contratación de obra pública consistente unha aplicación e explotación dunha rede de banda ancha no ámbito dos proxectos ARRAIANO, TERRAS DO AVIA e DELORUR, proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Unha vez finalizado o prazo de presentación de ofertas, presentouse unicamente unha empresa, Iberbanda, unha empresa con experiencia en dotar de conectividade a través de tecnoloxía Wimax a zonas onde non existen outras infraestruturas de banda ancha. Neste intre a oferta técnica atopase en fase de exame nos servizos técnicos da Deputación co fin de validar á adecuación das mesmas ás bases da convocatoria.

A Deputación de Ourense pon en marcha actuacións de mellora na estrada que une Pobra de Trives e Chandrexa de Queixa a través do Proxecto ¨VIARRAIA¨


A Deputación de Ourense está desenvolvendo actuacións de mellora de infraestruturas na fronteira e no interior da provincia dentro do proxecto VIARRAIA, concretamente a través da adxudicación das obras da estrada OU-0703 que vai de Poboa de Trives a Chandrexa de Queixa por un importe de total de 1.038.720 euros (IVE e demais tributos incluídos), obra que supón entre outras, unha melloría ós accesos á estación invernal de Cabeza de Manzaneda para tódolos visitantes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O proxecto VIARRAIA foi presentado e aprobado na primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España - Portugal (POCTEP) 2007-2013, sendo presentado conxuntamente coas Cámaras Municipais de Chaves e Montealegre. Comprende, ademais das obras anteriormente reseñadas, actuacións de mellora nas estradas entre os municipios portugueses e os concellos de Oímbra (estrada Oímbra -Videferre - Soutelinho da Raia) e Verín (construcción dunha ponte sobre o río Pequeno (Feces de Cima)).

O proxecto VIARRAIA ten un importe de 2 millóns de euros cofinanciados nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Con estas actuacións preténdese a permeabilidade do espazo fronteirizo, facilitando desta maneira a circulación de persoas e bens entre ambos lados da fronteira.

A Comisión Europea adopta o Sexto Informe de Situación sobre a Cohesión Económica e Social

Politica de cohesión 2007-2010 (Fonte: Inforregio Website)


«Rexións creativas e innovadoras» é o lema escollido polo Sexto Informe de Situación sobre a Cohesión Económica e Social adoptado o 25 de xuño de 2009 pola Comisión Europea (Nova de xuño de 2009).

Neste informe analizase cómo a creatividade e a innovación contribúen a mellorar o desenvolvemento rexional na UE. Na actualidade son as rexións máis desenvoltas da UE as que tenden a obter uns mellores resultados na maioría dos indicadores de creatividade e innovación, como ¨crase creativa¨, I+D e intensidade en capital humano. Non obstante, as rexións menos desenvoltas destacan superando o resto da UE nalgúns indicadores, como no crecemento da productividade, que é o principal motor da incesante converxencia rexional.

O informe inclúe un breve resumo das 391 respostas das distintas administracións e diferentes asociacións europeas (case 100 autoridades rexionais, así como máis de 150 asociacións rexionais e locais) aportadas ó Libro Verde sobre a Cohesión, entre as que se atopa a da Deputación de Ourense, única deputación de Galicia, e unhas das poucas de España, que enviou as súas aportacións. Este resume inclúe 11 fichas descritivas nos que se describen os principais indicadores de creatividade e innovación. O sexto informe constitúe unha das pezas fundamentais do debate global sobre o futuro da política de cohesión, e as súas conclusións alimentaran o Quinto Informe de Cohesión sobre Cohesión Económica e Social, publicación que estará prevista para o outono do 2010. Outros moitos eventos e debates axudaran a esbozar a proposta de reforma da política de cohesión que a Comisión presentara a raíz da revisión do orzamento da UE.

A Deputación de Ourense participou no debate sobre o futuro da cohesión territorial en Europa organizado pola rede Partenalia e a Provincia de Turín

Mapa das áreas ameazadas pola despoboación en Galicia

A Deputación de Ourense participou no debate sobre o futuro da cohesión territorial en Europa organizado pola rede Partenalia e a Provincia de Turín (Nova do 8 de abril de 2009).

A Deputación de Ourense representada polo seu vicepresidente segundo, Moises Blanco, participou o pasado 8 de abril en Turín no seminario ¨As Autoridades Intermedias e a Cohesión Territorial Europea¨. Neste seminario tentouse afondar no importante papel das administracións locais intermedias nos debates sobre a futura política de cohesión europea.

A intervención do vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, estivo baseada no informe enviado pola Deputación de Ourense á Comisión Europea, en resposta da consulta pública sobre cohesión territorial, mais comunmente coñecida como o Libro Verde sobre a Cohesión Territorial. O Libro Verde lanza un debate sobre a cohesión territorial coa idea de afondar na compresión tanto do concepto en si mesmo como das súas implicacións políticas e en materia de cooperación e coordinación. Nesta consulta interesan particularmente as contribucións que poden achega-las partes interesadas nos ministerios dos respectivos gobernos nacionais, así como as autoridades locais e rexionais, institucións da UE, interlocutores económicos e sociais, organizacións da sociedade civil, membros do mundo académico e cidadáns.

Os primeiros debates acerca da cohesión territorial levados a cabo a principios dos años 90 demostraron ser moi proveitosos. Serviron para subliña-la importancia da cooperación territorial e das tendencias territoriais, o cal levou á adopción dos programas de cooperación (INTERREG) e o establecemento do Observatorio en rede da ordenación e a cohesión do territorio europeo (ESPON).

O obxectivo principal deste debate é lograr un mellor e común coñecemento do que se entende por cohesión territorial e das súas implicacións políticas. Nos meses seguintes á finalización do debate en febreiro de 2009 publicarase un resumo desta consulta.

No caso da resposta da Deputación de Ourense a esta consulta, faise fincapé á provincia de Ourense como un caso moi representativo dos problemas que afronta a cohesión territorial en toda a Unión Europea. De feito, esta provincia ten problemas específicos con respecto a Galicia e a España, como o seu alto nivel de envellecemento, a súa alta dispersión poboacional, etc., así como o desequilibrio existente nesta comunidade entre a Galicia costeira (provincias atlánticas) e a Galicia interior, problemas que esperemos que teñan unha atención especifica dentro da futura cohesión territorial europea.

Por parte dos membros da Comisión Europea presentes no seminario, e moi especialmente por parte do Vicepresidente da Comisión de Comisión de Política de Cohesión Territorial (COTER) do Comité das Rexións, o checo Petr Osvald, mostrouse un especial interese pola realidade da provincia de Ourense, e fíxose fincapé na necesidade de ter en conta datos estatísticos mais cercanos a realizade provincial (NUTS III).

Neste seminario non se pudo pasar por alto a actual situación de crise mundial, o que motivou un debate no que o vicepresidente segundo, Moises Blanco, fixo na súa intervención mención os grandes problemas que estaba atravesando a economía da provincia de Ourense, é moi especialmente, o sector pizarreiro.

Para máis información sobre a contribución da Deputación de Ourense á consulta sobre Cohesión Territorial: http://ec.europa.eu/regional_policy/consultation/terco/consultation_es.htm

A Deputación de Ourense participou no debate sobre o futuro da cohesión territorial en Europa

Mapa por provincias do PIB per capita do ano 2004.

A Comisión Europea invitou, a través dunha consulta aberta a tódolos cidadáns e organizacións, a participar no debate sobre a cohesión territorial en Europa. Nesta consulta participou a Deputación de Ourense enviando as súas propostas á Comisión Europea (Nova de febreiro de 2009).

Nas conclusións da reunión informal realizada o mes de maio de 2007 en Leipzig polos ministros da UE responsables da ordenación territorial e o desenvolvemento rexional, invitábase á Comisión Europea a «preparar un informe sobre cohesión territorial para 2008». Esta consulta é coñecida como o Libro Verde sobre a Cohesión Territorial. O Libro Verde lanza, polo tanto, un debate sobre a cohesión territorial coa idea de afondar na compresión tanto do concepto en si mesmo como das súas implicacións políticas e en materia de cooperación e coordinación. Nesta consulta interesan particularmente as contribucións que poden achega-las partes interesadas nos ministerios dos respectivos gobernos nacionais, así como as autoridades locais e rexionais, institucións da UE, interlocutores económicos e sociais, organizacións da sociedade civil, membros do mundo académico e cidadáns.

Os primeiros debates acerca da cohesión territorial levados a cabo a principios dos años 90 demostraron ser moi proveitosos. Serviron para subliña-la importancia da cooperación territorial e das tendencias territoriais, o cal levou á adopción dos programas de cooperación (INTERREG) e o establecemento do Observatorio en rede da ordeación e a cohesión do territorio europeo (ESPON).

O obxectivo principal deste debate é lograr un mellor e común coñecemento do que se entende por cohesión territorial e das súas implicacións políticas. Nos meses seguintes á finalización do debate en febreiro de 2009 publicarase un resumo desta consulta.


No caso da resposta da Deputación de Ourense a esta consulta, faise fincapé á provincia de Ourense como un caso moi representativo dos problemas que afronta a cohesión territorial en toda a Unión Europea. De feito, esta provincia ten problemas específicos con respecto a Galicia e a España, como o seu alto nivel de envellecemento, a súa alta dispersión poboacional, etc. , problemas que esperemos que teñan unha atención especifica dentro da futura cohesión territorial europea.

É por iso que a Deputación de Ourense espera que as achegas e opinións realizadas a través do cuestionario sirvan para que as súas propostas e desafíos sexan tidos en conta, e que se vexan reflectidas nas importantes decisións que as institucións europeas deberán adoptar en breve para o futuro da integración europea de tódolos territorios de Europa.