viernes, 20 de abril de 2012

Profesionais do audiovisual se forman en Francia co apoio da Deputación de Ourense

Dez profesionais da animación galega e da banda deseñada participarán en Angouleme (Francia) –considerada unha das cidades máis importantes do mundo en animación audiovisual- da man da Deputación de Ourense, nun proxecto formativo que permitirá achegarlles as últimas novidades, tecnoloxías e aspectos de xestión empresarial en todo o que atinxe á animación e á banda deseñada.


A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, convocou o pasado mes de marzo dez bolsas destinadas a profesionais da animación e a banda deseñada para unha estadía formativa de catro días na cidade francesa de Angouleme, onde desenvolverán as súas xornadas de traballo na “Cité Internationale de la Bande Dessinée et de l'Image” (onde están, entre outros, os prestixiosos Maison des Auteurs e Musée de la Bande Dessinée), no “Pôle Image Magelis”, e manterán encontros con colectivos de autores franceses ubicados nesta cidade francesa, considerada un referente mundial da banda deseñada, que é sede dun importante clúster de producción audivisual que aglutina a máis de 90 empresas, xerando preto de 1.000 postos de traballo.


Os dez seleccionados galegos son autores de recoñecido prestixio no mundo da banda deseñada a nivel nacional e internacional: Jano Viñuela, David Rubín, Santy Gutiérrez, Iván Suárez, Sergio Covelo, Idoia de Luxán, José Luis Serrano Silva, Yago García, Alba González e Luís Carreira.


Esta acción formativa inclúese no proxecto “Imagina Atlántica”, un proxecto cofinanciado polo FEDER, no que conxuntamente coa Deputación de Ourense participan outras entidades autonómicas, rexionais e locais, así como centros tecnolóxicos e da imaxe de 4 países (España, Portugal, Francia e Gran Bretaña).


O obxectivo do proxecto é estimular a diversificación económica promovendo o potencial rexional a través dunha Axencia de Promoción das Novas Tecnoloxías da Imaxe a escala atlántica, para poñer en valor o patrimonio atlántico. Neste senso, vanse implementar programas de intercambios profesionais (empresarios, técnicos e estudantes) en novas tecnoloxías da imaxe, e tamén se vai a ofrecer apoio financeiro ás artes e ó sector da imaxe en xeral.


O proxecto aposta, asemade, por experimentar coa posta en funcionamento dun clúster que poña en rede a creación de traxectos turísticos e culturais, empregando os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías da imaxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario