martes, 10 de abril de 2012

Máis de 1.000 fogares do rural dispoñen xa de Internet grazas á rede de banda ancha implantada pola Deputación de Ourense

Este proxecto da cobertura a máis da metade dos concellos da provincia, principalmente nos núcleos máis afastados e de difícil acceso para as tecnoloxías da comunicación. O perfil do usuario: familias xóvenes, con fillos en idade escolar, ou persoas que acoden ao rural durante os fins de semana.



A Deputación Provincial de Ourense fixo posible coa posta en marcha da rede de banda ancha que máis de 1.000 fogares do rural poidan disfrutar na actualidade de conexión a Internet para a transmisión de voz e datos. O proxecto, iniciado en 2008, abrangue en total a 51 concellos da provincia de Ourense e permite dar cobertura a núcleos de poboación afastados e de difícil acceso para as tecnoloxías da comunicación.Desta maneira, este servizo ao que cada vez se están a acoller máis usuarios, está a ser demandado principalmente por familias xóvenes ou de mediana idade, con fillos en idade escolar, ou ben por persoas que acoden normalmente os fins de semana ao rural ourensán. Desta maneira acádase o obxectivo inicial do proxecto que era o de achegar Internet ao rural coa finalidade de formar, informar e entreter. Para analizar o desenvolvemento do proxecto e estudar novas fases para incorporar melloras no servizo, esta mañá o presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, mantivo unha reunión cos responsables da empresa Iberbanda, adxudicataria do contrato de concesión da obra pública para a instalación da rede Wimax na provincia de Ourense.




O obxectivo da xuntanza –segundo Manuel Baltar- “foi analizar a situación actual do proxecto e poñer en marcha unha nova fase que permitirá seguir mellorando as prestacións para os usuarios de Internet no rural, tanto no que atinxe á mellora de tarifas como tecnolóxicas”.Precisamente, para afondar na potenciación desta rede Wimax, o vindeiro venres terá lugar no Centro Cultural da Deputación unha reunión cos alcaldes dos concellos de Ourense onde está implantada a banda ancha para que técnicos da Deputación e da empresa Iberbanda lles informes das melloras e dos novos plans que se porán en marcha para seguir dinamizando o servizo de Internet no rural.Entre estas melloras figuran as novas tarifas, que permitirán aos usuarios conectarse a Internet por 1 € ao día (1Mb + voz), con cota de acceso gratuíta, unha tarifa que entrará en vigor a partir do vindeiro 1 de maio e que é posible grazas a que a Deputación de Ourense financiou a infraestrutura necesaria para dotar de acceso ás novas tecnoloxías ao rural ourensán coa mesma calidade e rapidez que nas cidades.




A implantación desta rede de banda ancha enmárcase nos proxectos “Terras do Avia”, “Delorur” e “Arraiano”, financiados mediante axudas Feder para desenvolvemento local e urbano. No marco destes proxectos, a implantación da rede de acceso a Banda Ancha engloba a 51 municipios que comprenden un total de 1.540 núcleos de poboación.




O proxecto está cofinanciado ao 70% polos Fondos FEDER de desenvolvemento rexional, sendo xestionado polo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos da Deputación de Ourense, co fin de cumprir un dos principais obxectivos dos devanditos proxectos: conseguir que a maior parte da poboación rural dos 51 concellos teñan acceso a unha banda ancha de calidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario