miércoles, 29 de febrero de 2012

A Deputación de Ourense xestionará un proxecto para poñer en valor o Parque Natural do Xurés

A iniciativa conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros e ten como obxectivo a promoción do turismo sustentable dos concellos da Raia.


A Deputación Provincial de Ourense ven de asumir a xestión e coordinación do proxecto europeo “Valor Geres-Xurés”, un proxecto clave para os concellos da Raia, que ten como obxectivo a promoción do turismo sustentable como un factor de desenvolvemento destes concellos, a través da estruturación da oferta en torno da “Rede de Portas do Parque” e a creación de valor engadido dos produtos endóxenos do Parque Transfronteirizo Geres-Xures.Hoxe martes, ás 18.00 horas (convocatoria só para gráficos), terá lugar no Pazo Provincial unha xuntanza entre o presidente da Deputación de Ourense e os alcaldes dos concellos dos que a institución provincial asume a xestión do proxecto: Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños e Calvos de Randín, na cal se procederá á sinatura do acordo no que a Deputación de Ourense faise cargo das actividades a desenvolver polos citados concellos dentro do proxecto “Valor Geres-Xurés”, que ten previsto o seu remate no ano 2013.



O proxecto contempla a construción de 6 “Portas do Parque do Xurés”, unha por concello, que serán os centros de recepción de visitantes do parque natural e os centros de interpretación dos espazos naturais e histórico-artísticos da parte galega do parque. Isto complementarase coas Portas xa existentes na parte portuguesa. No caso concreto da Porta de Bande melloraranse os accesos ao Centro de Interpretación de Aquis Querquernis, onde estará situada a Porta de Bande.Tamén contempla o proxecto o apoio á creación de eco-negocios no parque natural, a través dun programa de pre-incubación de empresas, e no que atinxe á promoción as accións inclúen a dotación de equipamento audiovisual, sinalización e audioguías para as Portas de Bande e Entrimo, e a promoción e difusión a través dunha páxina web, que incluirá visitas virtuais aos concellos da Raia e un sistema de información xeográfico turístico de toda a zona.A Deputación de Ourense considera que a súa participación no proxecto “Valor Geres-Xurés” contribúe a promover o desenvolvemento socioeconómico destes concellos, contribuíndo a paliar a grave situación de envellecemento e despoboación desta zona da provincia de Ourense, dado que estas actuacións considéranse claves para conter o proceso de despoboación e contribuír á explotación racional dos recursos deste territorio.



O proxecto “Valor Geres-Xures” foi aprobado en setembro de 2011 polo comité de xestión da segunda convocatoria do POCTEP (Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal) contando cun orzamento total de 1.803.371,13 euros dos que o 75% será cofinanciado polo FEDER.



Os socios do proxecto son polo dado portugués: a Comunidade Intermunicipal do Minho, Ecomuseo Associaçao do Barroso, Associaçao para o Centro de Incubaçao de Base tecnologica do Minho, Associaçao Regional de Desenvolvimento do Alto Lima, Camara municipal de Melgaço, Camara Municipal de Ponte da Barca, Camara Municipal de Terras do Bouro, Camara Municipal de Arcos de Valdevez, mentres que pola parte galega están os concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Calvos de Randín, Muiños e Ourense.O importe total do que se fai cargo a Deputación de Ourense é de 1.293.375,44 euros dos que o 75% serán cofinanciados polo FEDER, e o restante 25%, pola Deputación de Ourense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario