miércoles, 30 de marzo de 2011

A información urbanística dos concellos de Allariz, Sandiás, Celanova e Verín dispoñible na web da Deputación Provincial de Ourense

O proxecto, presentado polo Negociado de Planificación, iniciouse no segundo trimestre do 2010 e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O Ministerio de Industria, a través de red.es, achega o 70% e o 30% restante a Deputación Provincial de Ourense.A información pódese consultar xa na web da Deputación Provincial www.depourense.es e nas web municipais. Os contidos básicos homoxeneizados incorporaranse ó Sistema de Información Urbana do Ministerio de Fomento.


Ourense, 29 de marzo de 2011. Os concellos de Allariz, Sandiás, Celanova e Verín ofrecen xa a información urbanística sistematizada a través da web da Deputación Provincial de Ourense e das web municipais. Este proxecto é consecuencia da adhesión da Deputación Provincial de Ourense, mediante a Primeira Convocatoria Pública, ó Programa Urbanismo en Rede, iniciativa que parte do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es e do Ministerio de Fomento. Os ourensáns, e usuarios en xeral, poderán consulta-lo planeamento urbanístico de forma inmediata e personalizada, o que supón un paso máis no impulso á Administración sen papeis. Os traballos consistiron na vectorización e sistematización do planeamento urbanístico, posto a disposición por parte dos concellos de Allariz, Sandiás, Celanova e Verín, a posta en marcha do equipamento e as aplicacións informáticas que dan soporte á explotación e visualización da información, e a formación dos técnicos municipais de cara á validación dos datos sistematizados e o mantemento posterior do sistema.

Nas próximas semanas porase a disposición do público a información urbanística dos concellos do Carballiño, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e San Cibrao das Viñas. Con este novo desenvolvemento, os veciños poderán acceder ós datos do planeamento que necesiten, polo momento de carácter informativo, mediante dúas vías: facendo clic directamente sobre o mapa na zona que desexen, ou introducindo referencias concretas ó planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou o nome da zona para consultar. A publicación do planeamento en Internet é froito do proxecto que comezou no segundo trimestre de 2010. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, achegou o 70% do investimento, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o 30% restante a Deputación Provincial de Ourense. O Programa Urbanismo en Rede aposta pola incorporación das novas tecnoloxías no ámbito urbanístico municipal e conta con un triplo obxectivo: dar resposta a unha demanda social de transparencia, mediante a publicación por Internet dos plans urbanísticos, fomenta-la interoperabilidade entre administracións a través de servizos Web e mellora-la eficiencia na xestión, introducindo ferramentas que faciliten a operativa dos técnicos municipais. O planeamento integrarase, de forma telemática, periódica e estandarizada no Sistema de Información Urbana (SIU) do Ministerio de Fomento. O SIU é unha ferramenta dixital en forma de portal web libre e gratuíto, concibida fundamentalmente para incorporar transparencia no mercado inmobiliario.

Sobre o Programa Urbanismo en Rede

Urbanismo en Rede (http://www.urbanismoenred.es/) naceu en 2007, promovido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Dada a complexidade inherente ó lanzamento do programa, acometeuse unha fase previa de análises, definición, normalización urbanística e posta en valor e verificación en varios proxectos piloto con entidades locais. O éxito desta etapa conduciu a acomete-la extensión do programa ó maior número posible de entidades locais, baixo un Convenio Marco de Colaboración entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es e o Ministerio de Fomento.

Urbanismo en Rede (2009-2012) está cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e contempla un investimento máximo de 57 millóns de euros, dos que red.es achegará o 70%. O resto será achegado polas entidades locais e/ou comunidades autónomas que se sumen ó programa. Ademais, Urbanismo en Rede servirá como panca para a incorporación de empresas do sector urbanístico (arquitectos, promotoras, construtoras, etc…) á Sociedade da Información.

Sobre o SIU

O Sistema de Información Urbana do Ministerio de Fomento é unha ferramenta web a través da cal os cidadáns teñen acceso á información básica dispoñible sobre o planeamento urbanístico, a ocupación e usos do solo e as áreas de desenvolvemento, o que, ademais de permitir un coñecemento de como se están desenvolvendo municipios similares, facilita a participación cidadá na toma e control de decisións sobre solo e urbanismo. O SIU cumpre un mandato da Lei do solo, que obriga a poñer a disposición dos cidadáns, por medios telemáticos, tanto o texto en vigor dos plans urbanísticos como o anuncio do sometemento a información pública e outros trámites relevantes para a súa aprobación ou alteración.


Sobre o FEDER

Este proxecto lévase a cabo grazas ó cofinanciamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellora-la cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais. Neste senso, as actuacións levadas a cabo por red.es céntranse en fomenta-lo desenvolvemento do contorno produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e da sociedade da información. Red.es é organismo intermedio nos programas operativos: Programa Operativo Economía Baseada no Coñecemento (POEC), Fondo Tecnolóxico, e distintos programas operativos rexionais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario