miércoles, 30 de marzo de 2011

A Deputación de Ourense porá en marcha a creación dun Centro de Formación Turístico-Termal e de Investigación do Auga en Verín


A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, presentou o Proxecto EURO-REXIÓN TERMAL E DO AUGA, á segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2007-2013, e resultou aprobado segundo a notificación recibida. O proxecto conta cun orzamento total de 1.340.192,41€, cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A Deputación de Ourense, como xefe de fila do proxecto, aposta pola creación dun Centro de Formación e Investigación Turístico – Termal para o desenvolvemento da formación de calidade, a investigación e a promoción dun destino transfronteirizo termal Galicia-Norte de Portugal, tratando desta maneira de converter a Verín nun polo de referencia da oferta termal de alta calidade de Europa. Este centro contará con dúas sedes, na primeira situarase a Escola Hoteleira Termal, que se construirá en Cabreiroá (Verín), mentres que na segunda, en Chaves, situarase un balneario-escola e un laboratorio de investigacións termais e da auga. No proxecto, ademais da Deputación de Ourense, participa a Secretaría Xeral para o Turismo (Xunta de Galicia) e o Concello de Verín. Pola parte portuguesa, participan o Concello de Chaves, Turismo de Porto e Norte de Portugal, a Sociedade Portuguesa de Hidroloxía Médica e a Asociación de Termas de Portugal. O Proxecto Euro-rexión Termal e da Auga complementará o anterior Proxecto Eurocidade (aprobado na primeira convocatoria do POCTEP e actualmente en execución) xa que o sector termal se identifica como un dos recursos endóxenos comúns con máis potencial para impulsa-lo crecemento económico deste espazo transfronteirizo, que conta cunha das maiores densidades de auga mineromedicinal de Europa. Os resultados que se conseguirán coa posta en marcha das diversas actuacións do proxecto son: § Converte-lo espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal nun referente do termalismo do sur de Europa, dándoo a coñecer internacionalmente. § Formación de man de obra operacional altamente cualificada mediante formación especializada tanto no sector termal (investigación, terapéutico e ocio) como no sector hoteleiro. § Mellora da oferta académica de calidade na Eurorrexión, coa incorporación de novos contidos formativos, e a adaptación dos existentes ás necesidades reais do sector. § Desenvolvemento dun ámbito de investigación ata o de agora inexistente nun sector cun futuro socioeconómico baseado no aproveitamento dos recursos naturais dispoñibles, e a difusión dos resultados obtidos. § Creación de postos de traballo directos e a creación de emprego indirecto e de desenvolvemento económico polo seu efecto multiplicador. § Dinamización e promoción da zona turística Galicia-Norte de Portugal tanto a nivel interno como externo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario