martes, 20 de julio de 2010

Nova convocatoria de axudas para a posta en funcionamento, mellora ou ampliación de comercios de venda polo miúdo (Proxectos ARRAIANO, DELORUR, TAVIA)

Axudas para a posta en funcionamento, mellora ou ampliación de comercios de venda polo miúdo no ámbito xeográfico dos proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA.


A Deputación de Ourense fixou como un dos principais obxectivos de actuación ó longo de 2009 potencia-lo desenvolvemento rural e urbano dos concellos da provincia, a través de actuacións económicas, tecnolóxicas e medioambientais que favorezan a competitividade e melloren o benestar e a calidade de vida dos cidadáns. En total, máis de 140.000 persoas da provincia son as beneficiarias das obras e servizos que se realizarán no marco dos proxectos ¨Arraiano¨, ¨Delorur¨ e ¨Terras do Avia¨.

A institución provincial puxo en marcha, co cofinanciamento dos fondos europeos, estes proxectos, que abranguen unha serie de actuacións dirixidas ós concellos de Ourense, encamiñadas a crear emprego, mellora-las infraestruturas, aumenta-la calidade medioambiental, mellora-la accesibilidade e preserva-lo patrimonio cultural.

Dentro do ámbito dedicado á promoción económica, a Deputación de Ourense convoca unha liña de axudas para a posta en funcionamento, mellora ou ampliación de comercios de venda polo miúdo nas vilas do ámbito xeográfico dos tres proxectos. No caso do proxecto ¨Arraiano¨, as vilas de Xinzo e Verín, no caso do ¨Delorur¨, as vilas do Barco, A Rúa e Viana do Bolo, e no caso do proxecto ¨Terras do Avia¨, as vilas de Ribadavia e O Carballiño.

A boa acollida destas axudas por parte do pequeno comercio local no ano 2009, fixo que a Deputación convoque no ano 2010 unha nova oferta de axudas encamiñadas a apoia-lo comercio de proximidade.

As actuacións teñen como obxectivo os seguintes gastos subvencionables:

Obras de construción, adaptación, mellora, reforma ou ampliación de locais para o desenvolvemento de actividades comerciais.

Adquisición e instalación de equipamentos específicos para o desenvolvemento da actividade, tales como o mobiliario, decoración, pintura ou escaparates, adquisición de software para a xestión comercial, de equipos informáticos e telemáticos propios para a actividade, adquisición de caixas rexistradoras, terminais puntos de venda e lectores de códigos, sistemas de medición e peso, sistemas de etiquetaxe e sistemas antirroubo incorporados ó produto e calquera outro equipamento que teña encaixe nesta convocatoria.

Beneficiarios:

Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas físicas e xurídicas titulares de comercios de venda polo miúdo que presenten as súas solicitudes axustándose ás bases da presente convocatoria e cuxo proxecto sexa considerado viable dende o punto de vista técnico, financeiro e económico.

Axudas:
A contía das subvencións obxecto da presente convocatoria consistirá nunha porcentaxe do orzamento do proxecto presentado polo solicitante, e non poderá superar, en ningún caso, a contía máxima de dez mil euros (10.000,00 €) para cada beneficiario. No caso de solicitudes de subvención para gastos en equipamento, a contía máxima que se concederá non poderá ser superior ós 3.000,00 € para cada beneficiario.

Prazo:

O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o día 16 de agosto de 2010.

Máis información:

Para máis información os interesados poden ve-las bases das axudas no BOP do día 14 de xullo de 2010, ou informarse no teléfono: 988 011 446.

No hay comentarios:

Publicar un comentario