miércoles, 7 de julio de 2010

A Deputación de Ourense convoca axudas para a conservación e rehabilitación do patrimonio etnográfico

A Deputación de Ourense convoca axudas para a conservación e rehabilitación do patrimonio etnográfico no ámbito xeográfico dos proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA

A Deputación de Ourense fixou como un dos principais obxectivos de actuación ó longo de 2009 potencia-lo desenvolvemento rural e urbano dos concellos da provincia, a través de actuacións económicas, tecnolóxicas e medioambientais que favorezan a competitividade e melloren o benestar e a calidade de vida dos cidadáns. En total, máis de 140.000 persoas da provincia son as beneficiarias das obras e servizos que se realizarán no marco dos proxectos ¨Arraiano¨, ¨Delorur¨ e ¨Terras do Avia¨.

A institución provincial puxo en marcha, co cofinaciamento dos fondos europeos, estes proxectos, que abranguen unha serie de actuacións dirixidas ós concellos de Ourense, encamiñadas a crear emprego, mellora-las infraestruturas, aumenta-la calidade medioambiental, mellora-la accesibilidade e preserva-lo patrimonio cultural.

Dentro do ámbito dedicado á promoción do patrimonio cultural e preservación deste, a Deputación de Ourense convoca unha liña de axudas destinadas á preservación e conservación do rico patrimonio etnográfico dos nosos concellos.

A intención da Deputación de Ourense, ó convoca-las devanditas axudas, é a protección, conservación, así como a posta en valor dos numerosos bens do patrimonio etnográfico que atesoura a provincia da Ourense (moitos deles nun pésimo estado de conservación), co fin de evita-la súa perda para sempre, coa perda que iso implicaría para o patrimonio cultural e, por ende, turístico, da provincia.

Os investimentos que se realizarán terán, en principio, carácter de obras de limpeza, consolidación, conservación e rehabilitación das construcións, instalacións e do seu contorno, e artellarán unha política de promoción da cultura e da paisaxe nas áreas xeográficas dos proxectos.

A modo de exemplo, os bens e instalacións de arquitectura tradicional e etnográfica sobre os que se poderá actuar no desenvolvemento das axudas, serían os seguintes:

1. Cruceiros, petos de ánimas.
2. Hórreos, muíños, fornos, pombais, palleiras, alpendres.
3. Adegas, prensas.
4. Fontes, lavadoiros, pozos, canais, sistemas hidráulicos.
5. E outros de carácter similar.

Lembrar que a Lei do patrimonio cultural de Galicia determina, tanto para os seus propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais, como para os poderes públicos, a obriga de preserva-lo interese xeral que é o patrimonio cultural, para aseguraren a súa integridade e evita-la súa perda, a súa destrución e a súa deterioración.

Beneficiarios:
Poderán ser beneficiarios destas axudas:

-As persoas físicas, as comunidades de bens e persoas xurídicas con ou sen ánimo de lucro que teñan a cualidade de propietarias, posuidoras ou titulares de dereitos reais, con consentimento do titular da propiedade. No caso de bens inmobles de titularidade veciñal ou comunal poderán ostenta-la condición de beneficiarios as agrupacións sen personalidade xurídica constituídas, polo menos, por tres persoas maiores de idade.

-Concellos da área xeográfica dos proxectos.

Bens obxecto da convocatoria:

Elementos ou construcións de carácter etnográfico en xeral, recollidos nun inventario ou catálogo dependente dunha administración pública ou nun instrumento urbanístico municipal.
Axudas:As axudas consistirán nunha subvención que se percibirá por unha soa vez por beneficiario/s e ben inmoble, cun importe máximo de 4.000 euros por actuación (Máxima porcentaxe da subvención: 75%).

Prazo:

O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o día 9 de agosto de 2010.

Máis información:

Para máis información os interesados poden ve-las bases das axudas no BOP do día 7 de xullo de 2010, ou na web http://www.depourense.es/ , ou informarse no teléfono: 988 011 446.

A Deputación de Ourense poderá dar instrucións particulares e establecer criterios concretos segundo o carácter e a dimensión da actuación, que serán comunicados de forma detallada na resolución coa que se autoricen as obras.

Estes proxectos están cofinanciados nun 70% a través de axuda do FEDER, no Eixo 5 de Desenvolvemento Local e Urbano, durante o período 2007-2013.
Área de actuación do proxecto ARRAIANO:

· A Limia: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.
· Monterrei-Verín: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.

Área de actuación do proxecto TERRAS DO AVIA:

· O Carballiño: San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside,Piñor e Punxín.
· O Ribeiro: A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia.

Área de actuación do proxecto DELORUR:

· Valdeorras: O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
· Viana: A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario