jueves, 29 de abril de 2010

A Deputación de Ourense pon en marcha o proxecto "URBANISMO EN REDE"




O Programa permite ofrece-la información urbanística dos concellos de Allariz, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Xinzo de Limia e Verín a través da web da Deputación Provincial e da web dos Concellos. Os ourensáns poderán obte-la información de forma inmediata e personalizada e supón unha aposta pola Administración electrónica e a transparencia informativa. Os traballos comezaron en abril de 2010 e rematrán a finais de ano.


A Deputación de Ourense, adheriuse ó programa Urbanismo en Rede, froito dun convenio marco entre os Ministerios de Industria, Turismo e Comercio, a través de Red.es, e do Ministerio de Vivenda. O proxecto vai permiti-la obtención de información urbanística de forma inmediata e personalizada a través da páxina web da Deputación Provincial e da páxina web dos concellos participantes, o que supón un paso máis no impulso da Administración electrónica.Con este novo desenvolvemento, poderase acceder a toda a información urbanística que se necesite mediante dúas vías: facendo clic directamente sobre o mapa na zona que se desexe ou introducindo datos concretos referidos ó planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou nome da zona para consultar.


A posta en marcha do programa por parte do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos) levarase a cabo grazas ó financiamento do 70 % do investimento por parte de red.es con Fondos FEDER, e o resto cofinanciado pola Deputación de Ourense.


Sobre o programa Urbanismo en Rede.


Urbanismo en Rede ten como obxectivo dar resposta a unha demanda social de transparencia, mediante a publicación por Internet dos plans urbanísticos e fomentar-la interoperabilidade entre administracións a través dos servizos Web.


Sobre o Sistema de Información Urbana (SIU)


O Sistema de Información Urbana (SIU) é unha ferramenta Web (http://siu.vivienda.es/portal/), accesible publicamente, a través da que os cidadáns teñen acceso á información básica dispoñible sobre o planeamento urbanístico, a ocupación e usos do solo e as áreas de desenvolvemento.


Sobre fondos FEDER


Este proxecto lévase a cabo grazas ó cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellora-la cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais. Neste senso, as actuacións levadas a cabo por red.es céntranse en fomenta-lo desenvolvemento do contorno produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e da sociedade da información.

No hay comentarios:

Publicar un comentario