lunes, 5 de abril de 2010

A Deputación de Ourense aposta polas enerxías renovables a través do proxecto RETALER (Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais)

Mapa do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España–Portugal 2007-2013 (Fonte: Inforregio Website)


A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos), presentou conxuntamente coa case totalidade das entidades locais españolas e portuguesas fronteirizas, no ano 2009, un proxecto á primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2007-2013, e resultou aprobado. O proxecto conta cun orzamento total de 2.157.000 €, cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto RETALER ten como obxectivo a cooperación temática en enerxías renovables entre autoridades locais españolas e portuguesas, co fin de promove-la súa implantación, desde un enfoque integrado e homoxéneo que cubra a fronteira hispano-lusitana, que supere as áreas tradicionais de cooperación e responda ós retos do espazo transfronteirizo.

OBXECTIVO XERAL DO PROXECTO:

Reforza-la cooperación entre as autoridades locais e provinciais no campo das enerxías renovables, mediante a transferencia de boas prácticas e metodoloxía, así como a definición conxunta de políticas e proxectos transfronteirizos, co obxecto de dar resposta, desde o nivel local, ós principais retos das zonas transfronteirizas:

A. Diversificación das actividades nas zonas para loitar contra o seu despoboamento.
B. Solución dos problemas ambientais e de tipo ecolóxico que se manifestan particularmente nas zonas rurais.
C. Desenvolvemento de redes interactivas transfronterizas.
D. Implantación de modelos sostibles de ordenación do territorio.

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS DO PROXECTO:

· Favorece-la implantación transfronteiriza das enerxías renovables nos ámbitos de actuación das entidades locais, en especial, nos municipios radicados en áreas rurais, para lograr un desenvolvemento sostible, que reduza as diferenzas na materia, existentes entre os núcleos urbanos e os rurais.
· Artellar estratexias de desenvolvemento territorial equilibradas, que se concreten en plans estratéxicos transfronteirizos de cooperación e se fundamenten na explotación económica das potencialidades das enerxías renovables, en especial, en relación á xeración e consolidación do emprego.
· Promove-la competitividade das economías locais para responder ós retos presentados polo cambio climático, recoñecendo no aforro e a eficiencia enerxética un instrumento do crecemento económico e do benestar social.
· Contribuír a controlar e diminuí-las emisións de dióxido de carbono á atmosfera, en liña cos requirimentos comunitarios e o Protocolo de Kyoto, mediante a aplicación de medidas de aforro e a optimización enerxética a nivel municipal, propiciando a diversificación de fontes.
· Promove-la concreción de propostas conxuntas, propiciando a implementación de solucións específicas de aforro enerxético entre os municipios das zonas transfronteirizas.
· Optimizar un modelo transfronteirizo de capacitación e formación entre os actores e axentes implicados, que permita a realización de proxectos conxuntos, a mellora dos equipamentos enerxéticos dependentes dos municipios, así como a efectiva transferencia dos progresos desenvoltos por cada socio.
· Contribuír ó cambio de mentalidade en materia de aforro enerxético a través da difusión de boas prácticas entre os cidadáns, promovendo un comportamento máis racional e responsable no consumo de enerxía.

Área de intervención do proxecto RETALER.

A área de intervención do proxecto RETALER abarca tódalas rexións (NUTS II) e a maioría das provincias transfronterizas (NUTS III), tanto de España como de Portugal. Cobre, polo tanto, unha superficie de 132.146 km2, que supón ó redor dun 97% da superficie total do territorio do Programa de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP). En canto á poboación beneficiaria, sitúase en torno ós 4.500.000 habitantes, o que representa un 83% da poboación, do ámbito básico do POCTEP. A maioría dos territorios dos socios caracterízanse polo afastamento dos grandes centros de demanda e de actividade económica. Conxuga unha densidade demográfica moi débil, con taxas regresivas de crecemento da poboación, sendo unha característica común o alto grao de envellecemento da poboación. Ademais, en moitos destes territorios, predominan as áreas rurais.

O área seleccionada pretende supera-las divisións administrativas rexionais para sentar unas bases de acción comúns, que permitan levar a cabo actuacións en materia de enerxías renovables, nos territorios beneficiarios. Perséguese, por unha banda, homoxeneiza-las prácticas e políticas desenvoltas en cada territorio e, por outro lado, incluí-lo enfoque local e supramunicipal nelas. Preténdese cubri-la fronteira a través da cooperación temática en materia de enerxías renovables, que teña como fundamento o intercambio de experiencias e boas prácticas, entre entidades que contan con diferentes bagaxes e graos de actividade no campo das enerxías renovables. Desta forma, contribúese a reforza-lo enfoque integrado que require o Programa de Cooperación Transnacional (POCTEP), levándoo máis alá das áreas tradicionais de cooperación dos socios.

Área de actuación do proxecto RETALER:

Portugal: Norte, Centro, Alentejo e Algarve (Minho-Lima, Cávado, Alto Trás-os-Montes, Douro, Beira Interior Norte, Beira Interior Sul, Alto Alentejo, Alentejo Central e Algarve; así como Ave, Porto, Tâmega).

España: Galicia (Ourense), Castela e León (Salamanca, Zamora), Estremadura (Cáceres e Badaxoz) e Andalucía (Huelva).

No hay comentarios:

Publicar un comentario