viernes, 26 de marzo de 2010

A Deputación de Ourense continua a súa aposta polas enerxias renovables a través do proxecto ¨CLIMATLANTIC¨





Nova do 9/03/2010.


A Deputación de Ourense participará nos vindeiros 3 anos (2010, 2011 e 2012) no proxecto CLIMATLANTIC, cuxa prioridade é a de promove-las sinerxías transnacionais no desenvolvemento sostible urbano e rexional a través das enerxías renovables.

O proxecto CLIMATLANTIC foi presentado a través do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos) á segunda convocatoria de proxectos do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2007-2013, resultando aprobado pola Unión Europea.

O obxectivo específico deste proxecto consiste na posta en común de recursos e capacidades no ámbito do desenvolvemento urbano e rural sostible no espazo atlántico para promover accións rexionais e locais para a redución da pegada de carbono e a loita fronte ó cambio climático.

A pegada de carbono (en castelán: huella de carbono) é canto dióxido de carbono (CO2) producimos os cidadáns levando unha vida diaria normal. Unha ida e volta en coche ó traballo, prende-la luz da vivenda, un voo para ir de vacacións, todo iso usa combustibles fósiles, como carbón, petróleo e gas. Cando estes combustibles son queimados emiten gases de efecto invernadoiro, como o CO2, que contribúen ó quentamento global.

Neste proxecto, ademais da Deputación de Ourense, participan socios de entidades autonómicas, rexionais, locais de 5 países (España, Portugal, Francia, Irlanda e o Reino Unido).
Este partenariado está formado polo Eixo Atlántico (España - Portugal), Agência Portuguesa do Ambiente (AGA - Portugal), Communauté d´Agglomération de Grand Angoulême (Francia), Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructura (Xunta de Galicia), South East Regional Authority (Irlanda), Merseytravel (Reino Unido), Quimper Communaute (Francia).


O orzamento total do proxecto ascende a 2.070.887 euros, cun cofinaciamento do 65% do FEDER que ascende a 1.346.076,55 euros.

As principais actuacións do proxecto son:

1. Constitución dun grupo de expertos para a creación dunha axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible para a redución da pegada de carbono e para facer fronte ó cambio climático.
2. Realización de proxectos piloto no ámbito da enerxía e da mobilidade para a redución dos gases efecto invernadoiro.

· Esta Administración participará no intercambio de experiencias no ámbito da mobilidade (por exemplo: condución ecolóxica, xestión sostible do parque móbil da Deputación, etc.).

· A Deputación terá un rol moito máis activo no grupo da enerxía. Xa que porá en marcha un proxecto piloto que consistirá no aproveitamento da enerxía xeotérmica e solar térmica para dotar dunha instalación combinada de produción de auga quente sanitaria ó pazo dos deportes ¨Paco Paz¨. Esta actuación completarase coa substitución da caldeira de gasoil do pazo dos deportes por unha caldeira de biomasa froito dun convenio da Deputación de Ourense co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Máis polo miúdo, preténdese a:

§ Instalación dunha planta solar térmica de alto rendemento para cubri-lo 70% da demanda enerxética da produción de auga quente sanitaria do pazo dos deportes.
§ Instalación dun campo xeotérmico e bomba xeotérmica para completa-lo 30% da demanda enerxética da auga quente sanitaria restante.
§ Adecuación da instalación á nova produción.

A enerxía xeotérmica é unha enerxía renovable aínda moi descoñecida en España, e que ofrece unhas grandes vantaxes coma: aforro de enerxía do 50%, custos de mantemento mínimos, redución das emisións de CO2, sistema silencioso, etc., polo que con esta actuación se contribuirá a dala a coñecer entre os cidadáns (efecto demostrativo), asemade contribuirase a incrementa-lo seu emprego por parte das demais administracións públicas nos seus edificios.

3. Promoción dun Debate Atlántico con autoridades rexionais e locais, coa realización dun congreso final do proxecto en Ourense, no que se aprobará a Axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible do espazo atlántico (Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible).
4. Difusión final da Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible.


Este proxecto forma parte da estratexia posta en marcha desde o Negociado de Planificación de reorienta-los recursos europeos cara a proxectos que poidan ser unha oportunidade de futuro para a nosa provincia, como, por exemplo, todos aqueles baseados no desenvolvemento sostible. O uso de enerxías renovables pode ser unha oportunidade para a nosa provincia, como forma de fixar poboación no noso rural. Proba desta estratexia é a próxima creación por parte desta Deputación de tres Centros de Transformación de Biomasa (CTB) en diferentes comarcas da provincia, contemplados dentro dos proxectos Arraiano (Comarcas da Limia e Monterrei), Delorur (Comarcas de Valdeorras e Viana) e Terras do Avia (Comarcas do Ribeiro e O Carballiño).


No hay comentarios:

Publicar un comentario