viernes, 26 de marzo de 2010

A Deputación de Ourense apoia as empresas relacionadas coas tecnoloxías da comunicación e da imaxe a través do proxecto IMAGINAATLANTICA

Mapa do Espazo Atlántico (Fonte: Inforregio Website)



Nova do 4/03/2010.

A Deputación de Ourense participará nos vindeiros 3 anos (2010, 2011 e 2012) no proxecto IMAGINAATLANTICA (Espazo Atlántico: Territorios creativos e innovadores), cuxa prioridade é a de promove-la iniciativa empresarial transnacional e as redes de innovación.

O proxecto IMAGINAATLANTICA foi presentado a través do Negociado de Planificación á segunda convocatoria de proxectos do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2007-2013, e resultou aprobado pola Unión Europea.

O obxectivo específico deste proxecto consiste no estímulo da reconversión e a diversificación económica promovendo o potencial rexional a través dunha Axencia de Promoción das Novas Tecnoloxías da Imaxe a escala atlántica, que esta ó servizo da posta en valor do patrimonio atlántico. A misión deste ente vai ser:

• Implementar programas de intercambios profesionais (empresarios, técnicos e estudantes) en novas tecnoloxías da imaxe.
• Desenvolver e ofrecer apoio financeiro ás artes e ó sector da imaxe en xeral.

O proxecto aposta por experimentar coa posta en funcionamento dun clúster (termo inglés que se emprega nos eidos tecnolóxico e empresarial para referirse a distintos agrupamentos ou conxuntos integrados de elementos) que poña en rede a creación de traxectos turísticos e culturais, empregando os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías da imaxe. Neste senso, desde a Deputación de Ourense tratarase de xerar un valor engadido ó Camiño de Santiago co gallo da celebración do Ano Santo 2010 (Xacobeo).

Participan neste proxecto entidades autonómicas, rexionais e locais, así como centros tecnolóxicos e da imaxe, de 4 países (España, Portugal, Francia e Gran Bretaña). Este partenariado está formado por: Communauté d´Agglomération du Grand Angoulême (Francia), Eixo Atlántico (España – Portugal), Fundaçao da Juventude (Portugal), Oficina de Información Europea para a Xuventude (Xunta de Galicia), Centre for Advanced Software Technology (CAST) (Gran Bretaña).

O orzamento total do proxecto ascende a 1.633.647,96 euros, cun cofinanciamento do 65% do FEDER, que ascende a 1.061.871,17 euros.

As principais actuacións do proxecto son:

1. Creación dun ¨pool¨ de competencias e recursos atlánticos da imaxe. Esta actividade consistirá en identificar e inventaria-los polos de imaxe existentes no territorio do Arco Atlántico (empresas, entidades de formación, equipamentos públicos, asociacións e outras entidades cuxa actividade está consagrada ó dominio da imaxe).

Un cluster é unha concentración de empresas, institucións e demais axentes relacionados entre si por un mercado ou produto, nunha zona xeográfica relativamente definida, para deste xeito conformar en si mesma un polo (¨pool¨) de coñecemento especializado con vantaxes competitivas.

2. Definición e posta en marcha de programas de intercambio para xoves profesionais e expertos. Definir e pór en funcionamento programas de intercambio transnacional de bolseiros, estudantes ou xoves profesionais. Definir e pór en marcha un programa de 3 seminarios técnicos internacionais, ligados ás actividades do proxecto.

3. Posta en valor do patrimonio atlántico e as súas capacidades de expresión. Por en valor as capacidades de expresión de cada territorio para valoriza-lo patrimonio atlántico a través de: a animación de circuítos turísticos grazas ó apoio dun equipo transnacional de expertos e ó emprego das novas tecnoloxías da imaxe; a preconfiguración dunha Axencia de promoción IMAGINAATLANTICA; a produción e circulación de creadores a través da organización dun concurso internacional e a súa promoción mediante a organización dunha conferencia de carácter internacional que terá lugar en Ourense.

4. Grupo de traballo “Territorios Creativos”. Tratarase de capitaliza-lo conxunto de experiencias das actividades anteriores para elaborar unha estratexia de promoción dunha Eurorrexión Atlántica virtual das tecnoloxías da comunicación e da imaxe.

5. Promoción internacional do Cluster. Promoción do Cluster IMAGINAATLANTICA e estudo das posibilidades para a súa consolidación máis alá da duración do proxecto.

Neste marco, a Deputación de Ourense será un socio especialmente activo na preparación e execución do programa de intercambio de xoves profesionais, para o que colaborará coa Universidade de Vigo, a Cámara de Comercio e Industria e a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Ademais, será o socio encargado de organiza-la Conferencia Internacional que pechará o proxecto.

Este proxecto forma parte da estratexia posta en marcha desde o Negociado de Planificación, de reorienta-los recursos europeos cara a proxectos que poidan ser unha oportunidade de futuro para a nosa provincia, como, por exemplo, todos aqueles que teñan relación coa implantación e o desenvolvemento da innovación nas PEMEs, así como o apoio ás industrias innovadoras, neste caso relacionadas coas tecnoloxías da comunicación e da imaxe, da provincia de Ourense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario