Mostrando entradas con la etiqueta concellos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta concellos. Mostrar todas las entradas

miércoles, 30 de marzo de 2011

A información urbanística dos concellos de Allariz, Sandiás, Celanova e Verín dispoñible na web da Deputación Provincial de Ourense

O proxecto, presentado polo Negociado de Planificación, iniciouse no segundo trimestre do 2010 e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O Ministerio de Industria, a través de red.es, achega o 70% e o 30% restante a Deputación Provincial de Ourense.A información pódese consultar xa na web da Deputación Provincial www.depourense.es e nas web municipais. Os contidos básicos homoxeneizados incorporaranse ó Sistema de Información Urbana do Ministerio de Fomento.


Ourense, 29 de marzo de 2011. Os concellos de Allariz, Sandiás, Celanova e Verín ofrecen xa a información urbanística sistematizada a través da web da Deputación Provincial de Ourense e das web municipais. Este proxecto é consecuencia da adhesión da Deputación Provincial de Ourense, mediante a Primeira Convocatoria Pública, ó Programa Urbanismo en Rede, iniciativa que parte do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es e do Ministerio de Fomento. Os ourensáns, e usuarios en xeral, poderán consulta-lo planeamento urbanístico de forma inmediata e personalizada, o que supón un paso máis no impulso á Administración sen papeis. Os traballos consistiron na vectorización e sistematización do planeamento urbanístico, posto a disposición por parte dos concellos de Allariz, Sandiás, Celanova e Verín, a posta en marcha do equipamento e as aplicacións informáticas que dan soporte á explotación e visualización da información, e a formación dos técnicos municipais de cara á validación dos datos sistematizados e o mantemento posterior do sistema.

Nas próximas semanas porase a disposición do público a información urbanística dos concellos do Carballiño, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e San Cibrao das Viñas. Con este novo desenvolvemento, os veciños poderán acceder ós datos do planeamento que necesiten, polo momento de carácter informativo, mediante dúas vías: facendo clic directamente sobre o mapa na zona que desexen, ou introducindo referencias concretas ó planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou o nome da zona para consultar. A publicación do planeamento en Internet é froito do proxecto que comezou no segundo trimestre de 2010. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, achegou o 70% do investimento, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o 30% restante a Deputación Provincial de Ourense. O Programa Urbanismo en Rede aposta pola incorporación das novas tecnoloxías no ámbito urbanístico municipal e conta con un triplo obxectivo: dar resposta a unha demanda social de transparencia, mediante a publicación por Internet dos plans urbanísticos, fomenta-la interoperabilidade entre administracións a través de servizos Web e mellora-la eficiencia na xestión, introducindo ferramentas que faciliten a operativa dos técnicos municipais. O planeamento integrarase, de forma telemática, periódica e estandarizada no Sistema de Información Urbana (SIU) do Ministerio de Fomento. O SIU é unha ferramenta dixital en forma de portal web libre e gratuíto, concibida fundamentalmente para incorporar transparencia no mercado inmobiliario.

Sobre o Programa Urbanismo en Rede

Urbanismo en Rede (http://www.urbanismoenred.es/) naceu en 2007, promovido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Dada a complexidade inherente ó lanzamento do programa, acometeuse unha fase previa de análises, definición, normalización urbanística e posta en valor e verificación en varios proxectos piloto con entidades locais. O éxito desta etapa conduciu a acomete-la extensión do programa ó maior número posible de entidades locais, baixo un Convenio Marco de Colaboración entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es e o Ministerio de Fomento.

Urbanismo en Rede (2009-2012) está cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e contempla un investimento máximo de 57 millóns de euros, dos que red.es achegará o 70%. O resto será achegado polas entidades locais e/ou comunidades autónomas que se sumen ó programa. Ademais, Urbanismo en Rede servirá como panca para a incorporación de empresas do sector urbanístico (arquitectos, promotoras, construtoras, etc…) á Sociedade da Información.

Sobre o SIU

O Sistema de Información Urbana do Ministerio de Fomento é unha ferramenta web a través da cal os cidadáns teñen acceso á información básica dispoñible sobre o planeamento urbanístico, a ocupación e usos do solo e as áreas de desenvolvemento, o que, ademais de permitir un coñecemento de como se están desenvolvendo municipios similares, facilita a participación cidadá na toma e control de decisións sobre solo e urbanismo. O SIU cumpre un mandato da Lei do solo, que obriga a poñer a disposición dos cidadáns, por medios telemáticos, tanto o texto en vigor dos plans urbanísticos como o anuncio do sometemento a información pública e outros trámites relevantes para a súa aprobación ou alteración.


Sobre o FEDER

Este proxecto lévase a cabo grazas ó cofinanciamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellora-la cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais. Neste senso, as actuacións levadas a cabo por red.es céntranse en fomenta-lo desenvolvemento do contorno produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e da sociedade da información. Red.es é organismo intermedio nos programas operativos: Programa Operativo Economía Baseada no Coñecemento (POEC), Fondo Tecnolóxico, e distintos programas operativos rexionais.

viernes, 10 de septiembre de 2010

A Deputación de Ourense adxudica a obra civil para 6 depuradoras en Xinzo, Maside e O Barco

A Deputación de Ourense ven de adxudicar, por importe de 532.000 euros, a execución da obra civil para 6 plantas depuradoras nodrizas de augas residuais domésticas e lodos de fosas sépticas, que se construirán nos concellos de Xinzo de Limia, Maside e O Barco de Valdeorras. Estas actuacións enmárcanse dentro das actuacións dos proxectos “Delorur, Terras do Avia e Arraiano”, financiados mediante axudas do FEDER.

As obras, denominadas construción de “Obra civil para 6 Prantas depuradoras nodrizas de augas residuais domésticas e de lodos de fosas sépticas”, foron adxudicadas provisionalmente á UTE Sercoysa Proxectos y Obras, S.A.- Tesagua Tecnologías, S.L., e van suponer un importante avance na mellora do saneamento de pequenos núcleos de poboación do rural ourensán.
Os proxectos “Delorur, Terras do Avia e Arraiano”, cunha cofinanciación do FEDER do 65%, que está a desenvolver a Deputación de Ourense permiten levar a cabo iniciativas que permiten mellorar infraestruturas e servizos no rural.
Entre as actuacións que se realizan no marco destes proxectos figura a creación e posta en marcha dunha rede WiMax, que permite o acceso a servizos telemáticos nas zonas rurais.Tamén inclúen os proxectos liñas de axudas para financiar actuacións para peonalización, pavimentación, renovación de mobiliario urbano, supresión de barreiras arquitectónicas e instalación de illas soterradas para recollida selectiva de residuos sólidos urbanos, axudas ó comercio das vilas, demais de subvencións para a conservación e rehabilitación do patrimonio etnográfico, entre outras accións.
O orzamento de contratación destas obras acada os 572.000 euros. Resolto o concurso, foron adxudicadas á UTE. SERCOYSA PROYECTOS Y OBRAS, S.A.- TESAGUA TECNOLOGÍAS, S.L, por un importe de 532.811 euros, cun aforro para a institución provincial de preto de 40.000 euros.

miércoles, 21 de julio de 2010

A Deputación de Ourense destina preto 600.000 euros para unha convocatoria de axudas para melloría do espazo público

A DEPUTACIÓN DE OURENSE DESTINA PRETO DE 600.000 EUROS PARA UNHA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA MELLORÍA DO ESPAZO PÚBLICO DAS 7 VILAS INTEGRADAS NOS PROXECTOS ARRAIANO, DELORUR E TERRAS DO AVIA


A Deputación de Ourense aprobou achegas por un importe total de preto de 600.000 euros para a mellora de espazos públicos das vilas das comarcas de Valdeorras, A Limia, Monterrei, O Ribeiro e O Carballiño. Estas axudas son unha nova convocatoria que segue as xa concedidas no ano 2009 e que tiveron unha boa acollida por partes destes concellos.

En concreto, as subvencións irán destinadas á peonalización, pavimentación, renovación de mobiliario urbano, supresión de barreiras arquitectónicas e illotes soterrados nos núcleos urbanos de Xinzo de Limia e Verín no marco do Proxecto Arraiano, nos núcleos urbanos do Barco de Valdeorras, Viana do Bolo e A Rúa no marco do proxecto Delorur, e O Carballiño e Ribadavia, no marco do proxecto Terras do Avia. Os tres proxectos están cofinanciados nun 70% mediante axudas do FEDER.

Para as subvencións do proxecto Arraiano resérvase crédito por importe de oitenta mil euros (80.000,00 €), mentres que no proxecto Delorur resérvase crédito por importe de trescentos vinte e tres mil trescentos oitenta euros con sesenta e un céntimos (323.380,61 €) e no caso do proxecto Terras do Avia, resérvase crédito por importe de cento oitenta e tres mil un euros con trinta e tres céntimos (183.001,33 €).


A contía das subvencións obxecto desta convocatoria consistirá nunha porcentaxe do orzamento do proxecto presentado, podendo acadar, como máximo o 70 % do gasto total do proxecto de actuación presentado polo concello solicitante, non podendo superar, en ningún caso, a contía máxima de corenta mil euros (40.000,00 €) para cada proxecto.

Os proxectos a presentar polo concellos deberán:

Os proxectos deben contemplar, polo menos, unha das actuacións descritas na base primeira correspondente ó obxecto da convocatoria. As actuacións realizaranse exclusivamente en solo urbano consolidado.
orzamento en execución por contrata será de, como mínimo, 30.000,00 €, e polo menos o 30 % do importe de adxudicación do proxecto deberá ser financiado polo concello.
Os proxectos non se poderán executar por administración.
As actuacións contempladas nos proxectos deben terse realizado ou realizarse durante o ano 2010.

Para máis información consultalo BOP de 21 de xullo de 2010.