Mostrando entradas con la etiqueta feder. verín. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta feder. verín. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de abril de 2012

A Deputación de Ourense potencia a Eurocidade Chaves-Verín coa reforma da alfándega de Feces de Abaixo (Proxecto EUROCIDADE)

O presidente da institución provincial, Manuel Baltar, asistirá o venres 13 de abril á inauguración das novas dependencias do antigo posto fronteirizo, rehabilitación que supuxo un investimento de máis de 400.000 euros por parte da Deputación de Ourense.

As obras da reforma integral da antiga alfándega de Feces de Abaixo (Verín) enmárcanse nas actuacións que desenvolve a Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, dentro do proxecto “EUROCIDADE CHAVES-VERÍN”, unha iniciativa do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, que supón un investimento total de 1.333.578 euros, cofinanciado nun 75% polo FEDER.


No caso concreto das obras na antiga alfándega de Feces de Abaixo, cuxas novas instalacións serán inauguradas o vindeiro venres, acto que contará coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar, a Deputación de Ourense achega un total de 406.666 euros, que foron destinados para as obras de rehabilitación integral do edificio, que albergará a sede da Eurocidade, así como a Oficina de Turismo, unha Oficina de Xuventude e un local de ensaio para grupos musicais da eurocidade, para o cal a Deputación de Ourense adquiriu tamén os equipamentos de son.


O obxectivo do proxecto Eurocidade Chaves-Verín é sentar as bases dunha cooperación transfronteiriza que permita converter a Eurocidade Chaves-Verín nun instrumento de desenvolvemento rexional para levar a cabo accións que melloren a calidade de vida dos cidadáns, dinamicen a economía da eurocidade e contribúan ao desenvolvemento sostible deste territorio.Neste proxecto figuran como socios, ademais da Deputación de Ourense, o Concello de Verín, a Cámara Municipal de Chaves, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado de da Xunta de Galicia, o Eixo Atlántico e o Instituto Portugués da Xuventude.


Xunto coa rehabilitación da antiga alfándega de Feces de Abaixo, o proxecto da eurocidade contempla actuacións como a posta en funcionamento do portelo electrónico da “Eurocidade Chaves-Verín”; a plataforma de comunicación da Eurocidade dirixida á cidadanía, e a realización dun estudo estratéxico da Eurocidade para coñecer a situación de partida e establecer obxectivos e liñas de actuación a medio e longo prazo no que atinxe a temas de desenvolvemento socio-económico.


A sede da eurocidade servirá de dinamizador económico, turístico e cultural, e para elo haberá unha ampla oferta de servizos comúns, que se xestionarán desde a nova sede transfronteiriza, xunto cunha Axenda Cultural da Eurocidade de carácter trimestral. Precisamente, o apartado de dinamización económica inclúe un proxecto para o desenvolvemento de produtos turísticos da Eurocidade, que ten como obxectivo identificar as principais fortalezas da Eurocidade Chaves-Verín en materia turística, optimizar a súa explotación sostible e publicar guías temáticas para impulsar as potencialidades turísticas identificadas. Todo elo co apoio promocional dun soporte aplicado ás novas tecnoloxías referidas ao turismo, que permitirá dar a coñecer toda esta oferta a través de Internet.

miércoles, 30 de marzo de 2011

A Deputación de Ourense porá en marcha a creación dun Centro de Formación Turístico-Termal e de Investigación do Auga en Verín


A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, presentou o Proxecto EURO-REXIÓN TERMAL E DO AUGA, á segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2007-2013, e resultou aprobado segundo a notificación recibida. O proxecto conta cun orzamento total de 1.340.192,41€, cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A Deputación de Ourense, como xefe de fila do proxecto, aposta pola creación dun Centro de Formación e Investigación Turístico – Termal para o desenvolvemento da formación de calidade, a investigación e a promoción dun destino transfronteirizo termal Galicia-Norte de Portugal, tratando desta maneira de converter a Verín nun polo de referencia da oferta termal de alta calidade de Europa. Este centro contará con dúas sedes, na primeira situarase a Escola Hoteleira Termal, que se construirá en Cabreiroá (Verín), mentres que na segunda, en Chaves, situarase un balneario-escola e un laboratorio de investigacións termais e da auga. No proxecto, ademais da Deputación de Ourense, participa a Secretaría Xeral para o Turismo (Xunta de Galicia) e o Concello de Verín. Pola parte portuguesa, participan o Concello de Chaves, Turismo de Porto e Norte de Portugal, a Sociedade Portuguesa de Hidroloxía Médica e a Asociación de Termas de Portugal. O Proxecto Euro-rexión Termal e da Auga complementará o anterior Proxecto Eurocidade (aprobado na primeira convocatoria do POCTEP e actualmente en execución) xa que o sector termal se identifica como un dos recursos endóxenos comúns con máis potencial para impulsa-lo crecemento económico deste espazo transfronteirizo, que conta cunha das maiores densidades de auga mineromedicinal de Europa. Os resultados que se conseguirán coa posta en marcha das diversas actuacións do proxecto son: § Converte-lo espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal nun referente do termalismo do sur de Europa, dándoo a coñecer internacionalmente. § Formación de man de obra operacional altamente cualificada mediante formación especializada tanto no sector termal (investigación, terapéutico e ocio) como no sector hoteleiro. § Mellora da oferta académica de calidade na Eurorrexión, coa incorporación de novos contidos formativos, e a adaptación dos existentes ás necesidades reais do sector. § Desenvolvemento dun ámbito de investigación ata o de agora inexistente nun sector cun futuro socioeconómico baseado no aproveitamento dos recursos naturais dispoñibles, e a difusión dos resultados obtidos. § Creación de postos de traballo directos e a creación de emprego indirecto e de desenvolvemento económico polo seu efecto multiplicador. § Dinamización e promoción da zona turística Galicia-Norte de Portugal tanto a nivel interno como externo.